A Policía Local de Viveiro interceptou tras un accidente de circulación en Covas a un condutor que deu positivo por alcolemia e circulaba co carné caducado.
O 112 Galicia alertou á Policía Local na noite do pasado venres, 4 de setembro, da existencia dun accidente de circulación na zona de Covas, no que un vehículo chocara contra outro estacionado.
No lugar dos feitos, a patrulla detectou que o condutor do vehículo causante pretendía abandonar o lugar, a pé, por unha rúa paralela, para así non ser visto. Foi interceptado polos axentes e, practicada a proba de alcoholemia, deu un resultado positivo, en case máis de catro veces da taxa permitida (0.25 mg/l).
Por tales feitos, procedeuse a abrir dilixencias penais por un delito contra a Seguridade Vial, por conducir un vehículo a motor cunha taxa superior a 0.60 mg/l de aire expirado, contra o condutor do vehículo, un veciño de Viveiro, e que saíu ileso do accidente, ademais de inmobilizarlle o vehículo. Tamén se puido comprobar que o condutor tiña o permiso de conducir caducado.
O vixente código penal estipula penas de prisión de tres a seis meses, multa de seis a doce meses, e privación do dereito de condución de vehículos a motor ou ciclomotores por tempo superior a un ano, e ata catro anos, para aquelas persoas que conduzan un vehículo a motor con taxas en aire expirado superiores a 0.60 mg/l.