Tres feridos, un deles excarcerado e grave, despois de colidir un camión e unha furgoneta no Vicedo

Zona do alto de Moreiras. GOOGLE MAPS

Tres persoas resultaron feridas este sábado no Vicedo a causa dun accidente entre un camión e unha furgoneta rexistrado na estrada de Viveiro, concretamente no lugar de Moreiras, en Lugo.

Varios particulares contactaron co 112 Galicia ao fío das 10.00 horas desta mañá para informar do suceso. Indicaban que un dos ocupantes estaba ferido de consideración e necesitaba asistencia médica urxente, ademais de axuda para abandonar o vehículo.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) do 112 solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Viveiro e dos membros de Protección Civil da vila.

Unha vez no lugar, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento de Viveiro tiveron que facer uso do material de excarceración para liberar a unha das persoas feridas. Finalmente, os tres afectados foron atendidos polo equipo médico e evacuados ao Hospital Público da Mariña.

Para garantir as condicións de seguridade na vía, desde o 112 Galicia informouse aos axentes da Garda Civil de Tráfico.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here