EFE. O adestrador dun club deportivo da Mariña lucense, para quen a Fiscalía pide cinco anos de prisión por un delito continuado de abusos sexuais por mor da suposta relación sentimental que mantivo cunha xogadora menor de idade, negou os feitos que se lle imputan durante a súa declaración na vista oral, que comezou este xoves na Audiencia Provincial de Lugo.
A Fiscalía pide cinco anos de cárcere e outros cinco anos de liberdade vixiada para ese adestrador, acusado de manter unha relación sentimental cunha das súas xogadoras, que era nese momento menor de 16 anos.
Tamén solicita que se lle prohiba exercer “calquera profesión ou oficio” que “conleve contacto regular e directo con menores de idade durante cinco anos”, que non se lle permita achegarse ou comunicarse coa vítima durante seis anos e que a indemnice con 6.000 euros polos danos morais que lle causou, unha indemnización que a acusación particular eleva a 30.000 euros.
OS FEITOS ACONTECERON ENTRE 2015 E 2017, CANDO A MOZA TIÑA MENOS DE 16 ANOS
De acordo co escrito de acusación, os feitos sucederon en “datas non determinadas”, pero en todo caso entre xullo de 2015 e xaneiro de 2017, cando o acusado foi denunciado.
O ministerio público sostén que mantivo “unha relación sentimental” coa menor co “ánimo de satisfacer os seus instintos libidinosos”, para o que se valeu da súa “posición de referente e autoridade” como “adestrador deportivo“.
Segundo o relato do fiscal, “ao longo do tempo de relación, o acusado mantivo coa menor en varias ocasiones contactos de natureza sexual con bicos, e caricias íntimas mutuas”.
TÉCNICO DEPORTIVO DURANTE 20 ANOS
Con todo, durante a súa declaración na vista oral, o acusado, que dixo adestrar a equipos de fútbol e de fútbol sala desde o ano 1997, tanto de adultos como de menores -de homes e de mulleres-, negou manter ningún tipo de relación sentimental coa suposta vítima, que no momento dos feitos tiña entre 15 e 16 anos.
Segundo o seu relato, a nena comezou a adestrar no equipo infantil cando tiña entre “12 e 13 anos”, aínda que logo foi ascendendo de categoría, porque lle gustaba moito o fútbol sala e “pasaba moitas horas no pavillón”.
Precisamente, por mor desa afección, recoñeceu que el mesmo lle propuxo que lle botase “unha man” cos “máis pequenos”, o que fixo entre ambos xurdise “aos poucos” unha “amizade“.
O ACUSADO DI QUE A NENA “TENTOU BICARME” E AO DÍA SEGUINTE “PEDIU DESCULPAS”
Con todo, precisou, entre “maio e xuño de 2016”, a suposta vítima tentou “bicalo” cando ambos estaban no local do material deportivo, pero el non lle correspondeu. “Estrañoume”, dixo o acusado, quen cría que ela estaba saíndo “cun mozo maior”.
“Ela quedouse cortada”, engadiu, “marchamos, pero ao día seguinte apareceu pola miña casa para desculparse“.
O adestrador precisou en polo menos nunha ocasión mandoulle unha mensaxe na que dicía que por el “o daba todo, ata quitarse a vida”, momento no que ata pensou en “denunciar” a situación, por “medo”, precisou.
O seu avogado, Manuel García, dixo que o seu cliente é “completamente inocente” e anunciou a súa intención de pedir para el “a libre absolución“.