InicioSucesosPiden tres anos e medio de prisión para tres veciños de Ribadeo...

Piden tres anos e medio de prisión para tres veciños de Ribadeo por tráfico de drogas

Segundo a Fiscalía, un dos acusados vendía heroína e cocaína subministrada por outro dos procesados, a quen á súa vez fornecía o terceiro

Publicada o

- Advertisement -

A Fiscalía de Mondoñedo pide tres anos e medio de cárcere para tres homes, todos veciños de Ribadeo, por vender na vila heroína, cocaína e marihuana ou haxix, constituíndo os supostos feitos un delito de tráfico ilícito de substancias estupefacientes.

O fiscal, segundo expón o escrito de acusación, dirixe a causa contra L. A. P. C., V. P. D. e E. M. V. F., todos eles maiores de idade e sen antecedentes penais. No tocante ao primeiro dos acusados, a Fiscalía asegura que “desde principios do ano 2017, viña distribuíndo substancias estupefacientes pola localidade de Ribadeo, entre consumidores que contactaban con el a través do seu número de teléfono, ben mediante chamada ou ben mediante mensaxe de whatsapp. As sustancias que L.A. vendía eran heroína, cocaína e esporadicamente marihuana ou haxix”, precisa.

VENDAS LOCALIZADAS ENTRE O 2017 E O 2018

Así, concreta unha suposta transacción realizada o 16 de setembro do 2017, cando vendeu a un terceiro no interior do seu coche “unha papelina contendo 0,072 gramos de heroína, cunha riqueza do 42,9%, e unha bolsiña contendo 1,39 gramos de cannabis”. O 28 de febreiro do 2018 realizou unha nova venda, ao mesmo cliente, “de 0,155 gramos de heroína, cunha riqueza do 47,07%, a cal foi entregada no vehículo daquel circulando pola localidade de Ribadeo. Esta sustancia alcanzaría un prezo no mercado ilícito de estupefacientes de 14,83 euros”, concreta o escrito de acusación.

“Practicada dilixencia de entrada e rexistro no domicilio do acusado, situado en Ribadeo, foron achadas as seguintes substancias que o acusado proxectaba destinar ao tráfico ilícito: 0,419 gramos de MDMA, cunha riqueza do 84,98%, 0,117 gramos de resina de cannabis, e 0,71 gramos de cannabis. Todas estas sustancias alcanzarían un valor de 21,27 euros no mercado ilícito de sustancias estupefacientes”, indica o Fiscal.

“Para a venda das referidas substancias, L. A. P. C. colaboraba con regularidade co acusado V. P. D., alias K., o cal facilitaba substancias a L. A. e á vez vendíaas el mesmo, tamén entre consumidores da zona de Ribadeo, os cales contactaban con el polo mesmo medio, o teléfono”, sostén o ministerio público.

“Concretamente, o día 23-3-2018 o acusado L. A. P. C. recibiu unha chamada de J. A. R. pedíndolle ‘viño branco‘, á cal contestou que non tería ata máis tarde. L. A. pasou entón polo domicilio de V. P. D., onde este facilitoulle unha cantidade indeterminada de cocaína, coa cal volveu ao seu propio domicilio, preparouna en dose e entregou na rúa a J. A. R.; unha bolsiña selada a lume contendo 0,205 gramos de cocaína, cunha riqueza do 56,71%, e un prezo no mercado ilícito de sustancias estupefacientes de 15,66 euros”.

DROGA INCAUTADA POR VALOR DE 1.200 EUROS

“Practicada entrada e rexistro no domicilio de V. P. D., situado en Ribadeo, foron intervidas as seguintes substancias que o acusado proxectaba destinar o tráfico ilícito: 119,70 gramos de cannabis, 2,617 gramos de cocaína cunha riqueza do 56,68%, 5,226 gramos de cocaína cunha riqueza do 56,01%, e 3,612 gramos de resina de cannabis. Todas estas sustancias alcanzarían un prezo de 1.205,48 euros no mercado ilícito de substancias estupefacientes”, asevera o fiscal.

Finalmente, o acusado E. M. V. F., con domicilio en Ribadeo, “provía de cocaína a V. P. D. para que este procedese á súa posterior venda directamente aos consumidores. Os contactos entre ambos desenvolvíanse de forma telefónica, aínda que ambos se atopaban persoalmente para as entregas da sustancia, en diversos puntos de Ribadeo. A cocaína que foi achada no rexistro do domicilio de V. P. D. foille entregada a este por E. M. V. F. Dita substancia alcanzaría no mercado ilícito de estupefacientes un valor total de 688,48 euros“, segundo a versión da Fiscalía, que engade que os acusados L. A. P. C. e V. P. D. “permaneceron en situación de prisión provisional por estes feitos entre os días 27 de marzo do 2018 e 2 de agosto do 2018, ambos inclusive”.

Deste xeito, o fiscal pide tres anos e seis meses de cárcere para os acusados, con igual tempo de inhabilitación especial para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo, e multa do triplo do prezo no mercado ilícito das substancias intervidas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...