A Policía Nacional de Viveiro investiga catro ofertas fraudulentas a través de portais de venda en internet logo de que se presentasen cinco denuncias na Comisaría, entre os días 8 a 19 de outubro, con prezos pagos entre 299 e 550 euros, sendo as vítimas de Viveiro e Burela.
A primeira denuncia, rexistrada o 8 de outubro, foi relativa ao ingreso nunha conta bancaria de Madrid de 335 euros polo prezo dun televisor, sen que á data da denuncia reciba o produto nin obtido ningunha resposta do vendedor, que resultou ser un individuo en paradoiro descoñecido e con antecedentes por feitos similares.
O 15 de outubro rexistrouse unha nova denuncia, por un feito con modus operandi idéntico ao anterior: no mesmo portal que o anterior ofertábase un ordenador portátil polo prezo de 299 euros, cuxo custo se transferiu a unha conta do vendedor distinta da anterior, pero da mesma oficina bancaria e titularidade, sen que na data da denuncia a persoa compradora recibise o produto nin poidese contactar co citado vendedor.
VENDEDORES EN PARADOIRO DESCOÑECIDO
Ese mesmo día foi recollida outra denuncia, do comprador dunha videoconsola pola que pagou o prezo de 300 euros, mediante transferencia bancaria, sen recibir o produto nin poder contactar co vendedor, que resultou ser un veciño de Murcia en paradoiro descoñecido e con antecedentes por feitos similares, sendo o último coñecido un denunciado en Madrid en febreiro do presente ano.
Finalmente, o pasado 17 de outubro, un denunciante declarou que tendo ofertada a venda dunha videoconsola polo prezo de 225 euros, recibiu unha mensaxe dunha posible compradora interesada na oferta, e que lla aboaría mediante transferencia unha vez recibida a videoconsola. Posteriormente recibiu un correo da compradora comunicándolle que lle ingresou 525,50 euros no canto dos 225 euros acordados, polo que lle tiña que devolver os 300,50 euros a través dunha transferencia á conta da compradora, o que efectivamente fixo a vendedora sen cerciorarse de recibir os 525,50 euros totais, que á data da denuncia aínda non lle pagaron.
Respecto de vendas fraudulentas a través de portais dedicados á comercialización e fornezo de produtos novos, o pasado día 15 recibiuse a terceira denuncia do día: unha veciña de Burela foi enganada e redirixida desde a web dun coñecido portal de vendas a través de Internet a unha URL falsa, para comprar un aparello de ximnasio, polo prezo de 550 euros, que transferiu á conta bancaria do vendedor. Foi alertada pola Oficina de Ciberdelincuencia da Comisaría Xeral de Policía Xudicial da Policía Nacional en Madrid para que denunciase os feitos ao identificar ao vendedor como autor de fraudes similares.
A POLICÍA NACIONAL PIDE COMPROBAR A VERACIDADE DAS PÁXINAS E USAR PLATAFORMAS SEGURAS
“Todos estes feitos están sendo investigados polos funcionarios encargados das fraudes informáticas, á espera das pertinentes contestacións das partes implicadas, e en breve poderanse determinar os responsables”, concreta a Policía Nacional.
As mesmas fontes explican que “na maioría dos casos trátase de particulares que tratan de conseguir ingresos extras con estas fraudes, sen que se trate de grandes estafadores das redes, cuxa investigación sempre é levada desde a Comisaría Xeral”. A Policía Nacional lembra aos cidadáns “a necesidade de comprobar a veracidade das páxinas e realizar os pagos mediante plataformas seguras, desconfiando de calquera outro medio, como tamén das grandes ofertas, detrás das cales están a maioría destas estafas“.