O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) do 112 Galicia informou este martes de que un home foi achado morto debaixo do seu coche no lugar de Covas, no municipio de Viveiro, en concreto na contorna do cemiterio da localidade.
Os Bombeiros de Viveiro tiveron que liberar o cadáver do home, de avanzada idade e veciño do municipio de Viveiro, que se atopaba atrapado entre un seminoiro e o propio vehículo, en principio como resultado dun accidente de tráfico, ao non quedar o turismo ben freado. De acordo con esta hipótese, o falecido tentou deter o coche e foi atropelado. A Garda Civil investiga o suceso.
O 112 Galicia foi advertido sobre as 15.30 horas polos servizos de emerxencias do 061, que informaron de que unha das súas ambulancias atopou unha persoa falecida debaixo dun turismo, confirmando posteriormente de que se trataba do titular do vehículo. Daquela mobilizou á Garda Civil de Tráfico, Policía Local, Protección Civil e Bombeiros de Viveiro.