EFE. A Fiscalía retirou a acusación contra un home de 48 anos, natural de Cabo Verde, que se sentou no banquiño dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo como suposto autor da violación dunha muller na localidade lucense de Burela, o 28 de marzo de 2017.
O acusado negou os feitos que se lle imputaban e insistiu en que as relacións “foron consentidas”, segundo informou a Efe o avogado que leva a súa defensa, Emilio Rodríguez.
O Fiscal “mantivo a acusación” ata o xuízo, explicou o letrado, malia que a suposta vítima xa retirara previamente a denuncia.
A defensa mantivo en todo momento que as relacións foron “consentidas” e que, polo tanto, “non houbo violación”.
Por mor do sucedido, o home estivo en prisión provisional desde o 31 marzo de 2017 ata o 20 de decembro do mesmo ano.
Cando saíu en liberdade provisional impúxoselle a obrigación de comparecer periodicamente no xulgado.