Un home de 53 anos, M. M. M., veciño de Taramundi, faleceu na tarde deste luns no lugar de Vilar de Pedras, da parroquia pontenovesa de Rececende.
O falecido, traballador de Hormigones Pontenova, conducía pola estrada un camión-formigoneira que envorcou ao saírse da vía e bater contra un talude, segundo informou o 112, que tivo aviso do accidente ás 16.15 horas.
O 112 Galicia mobilizou cara o lugar do accidente aos bombeiros de Barreiros, ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Pontenova, a axentes da Garda Civil e a persoal do Punto de Atención Continua (PAC) de Meira.
EXCARCERADO O CADÁVER
Dada a gravidade do accidente, os servizos de urxencias tamén advertiron ao helicóptero medicalizado do 061 con base en Ourense. Os bombeiros excarceraron o corpo sen vida do obreiro, que ficou atrapado na cabina.