A Policía Local de Viveiro, dentro dos dispositivos de vixiancia e control das medidas de prevención específicas pola situación epidemiolóxica derivada da Covid-19, continúa a facer controis a fin de que se cumplan as medidas e de informa á poboación. Os axentes destacan a tónica xeral do cumprimento das medidas e de responsabilidade por parte da poboación e dos sectores afectados, aínda que tiveron que intervir en diversas situacións durante a fin de semana, formulando un total de 14 actas de propostas de sanción.
O uso da máscara respiratoria, os desprazamentos non permitidos polas restriccións de mobilidade, a práctica de actividade física de maneira colectiva e non federada en instalacións deportivas ó aire libre, e irregularidades no servizo de hostalería son algunhas das infraccións que os axentes percibiron, “nalgúns casos grazas á colaboración cidadanía a través de queixas ou avisos telefónicos”, expoñen desde o Concello.
Con respecto á mobilidade, detectáronse tres casos nos que os desprazamentos non estaban incluídos dentro dos permitidos.
Un establecemento de hostalaría e restauración foi proposto pa sanción por permitir que os seus clientes efectuaran as consumicións dos pedidos na porta de entrada do local. Tamén un grupo de mozos, maiores de idade, foi denunciado por xogar ó futbol sala nunha pista deportiva dun centro educativo, sen ser unha práctica federada.
LEMBRA AS OBRIGAS DA CIDADANÍA
Neste senso, a Policía Local quere recordar as obrigas que estipula a Orde do 4 de novembro da Consellería de Sanidade, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do Covid-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.
No caso dos establecementos de restauración di que: “os establecementos de restauración permanecerán pechados ao público e poderán prestar exclusivamente servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local e consumo a domicilio. A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios”, expón a normativa.
No caso da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, sempre que, neste último caso, todas as persoas do grupo sexan conviventes, sen contar, se é o caso, o monitor. Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva de forma individual, sen contar, se é o caso, o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida. Deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade”, recolle a orde.
A Policía Local remata agradecendo “a boa colaboración e predisposición que está a ofrecer tanto a poboación como os sectores afectados, demostrando un exercicio de responsabilidade pese a complexidade da situación”.