A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de 21 anos e nove meses de cárcere que a Audiencia Provincial de Lugo lle impuxo ao home que en marzo de 2018 tentou asasinar a súa exparella e ao fillo da muller en Foz. Ademais, foi sentenciado á prohibición de residir ou acudir á localidade na que sucederon os feitos durante 27 anos.
O imputado, segundo consta na sentenza, “non aceptaba a separación” da súa compañeira sentimental e “con ánimo de acabar coa súa vida e a do seu fillo menor de idade”, accedeu ao domicilio de Foz no que residían. Unha vez alí, abriu as bombonas de gas butano e os catro fogóns da cociña, o quentador e a estufa de gas, “con coñecemento e con vontade de que coa súa actuación lles produciría a morte cando chegasen á vivenda”. O tribunal destaca que o sospeitoso non conseguiu o seu propósito porque cando a súa exparella chegou ao inmoble percibiu o forte cheiro a gas, polo que “non accionou a chave da luz nin acendeu o cigarro que tiña por costume ao entrar na cociña”. Ese día o menor non se atopaba na vivenda porque se quedou cos seus avós.
OS XUÍCES CONSIDERAN “INTRASCENDENTE” A VULNERACIÓN DA PRESUNCIÓN DE INOCENCIA ALEGADA
Os maxistrados do TSXG consideran “intranscendente” a vulneración da presunción de inocencia que alega o sospeitoso porque aseguran que o tribunal de primeira instancia “non expresa en ningún dos seus razoamentos que teña dúbidas –outra cousa é que o recorrente conxeture que tivo que telas- sobre a verificación probatoria dos feitos que integran os tipos penais aplicados”. O TSXG acolleu o recurso de apelación interposto pola Fiscalía, ao que se adheriu a acusación particular e, en consecuencia, ordena a aplicación da concorrencia da agravante de parentesco, ademais da de xénero, no delito de tentativa de asasinato respecto á súa exparella. A concorrencia das dúas agravantes, con todo, non conleva a modificación da pena imposta.