InicioSucesosPiden dez anos para un veciño de Burela por violar á exparella...

Piden dez anos para un veciño de Burela por violar á exparella cando ía recoller o fillo menor de ambos

A Fiscalía reclama outros nove meses de cárcere para o acusado por supostamente golpear en dúas ocasións á vítima durante a súa convivencia, un mes antes da agresión sexual

Publicada o

- Advertisement -

A Fiscalía de Mondoñedo solicita dez anos de cárcere e cinco de liberdade vixiada para un veciño de Burela por violar á súa exparella cando acudiu ao seu domicilio para recoller o menor que ambos teñen en común, ademais doutros nove meses de prisión por dous episodios de malos tratos no ámbito familiar previos á agresión sexual.

Segundo as conclusións do ministerio fiscal, os feitos aconteceron sobre as 20.40 horas do 21 de xullo de 2019, cando o procesado, maior de idade e sen antecedentes penais, se achaba no seu domicilio de Burela. Daquela acudiu ao mesmo a súa exparella sentimental para recoller ao menor que ambos teñen en común e que estivera na compaña do seu pai durante a fin de semana. Ao chegar ao piso, o acusado díxolle que o neno estaba durmindo e que se sentase no sofá. Nese momento, o procesado comezou a dicirlle que quería volver con ela, ao que lle contestou que ela non quería.

O NENO ESPERTOU SOBRESALTADO POLOS BERROS DA NAI

Nese momento, o procesado, “con ánimo de satisfacer os seus libidinosos desexos, comezou a bicar a muller, a cal o empurraba para separalo”; entón el agarrouna polos brazos e “levouna á forza a unha habitación onde, con igual ánimo, tirouna encima da cama e comezou a forcexear con ela para sacarlle a roupa; como queira que ela se resistía e tras botar ao neno da habitación porque acudira ao espertarse polos berros da súa nai, o procesado púxose encima dela e tapoulle a boca, conseguiu sacarlle a roupa interior e penetrouna vaxinalmente“, recolle o escrito de acusación.

“Tras isto e dicirlle ela que o ía denunciar, o procesado saíu da habitación e foi á cociña, momento en que a vítima aproveitou para coller ao neno, que seguía no corredor, onde o deixou o procesado, e escondeuse con el no baño, para finalmente conseguir saír da vivenda co menor e pedir auxilio nun piso veciño, desde onde chamou á Garda Civil“, expón o Fiscal.

SEGUNDO A FISCALÍA, GOLPEOU Á MULLER DÚAS VECES, UNHA DELAS CUN CINTO, DURANTE A SÚA CONVIVENCIA

A vítima non sufriu lesións físicas por estes feitos, no entanto foi atendida trala denuncia reclamando o Sergas os gastos da súa atención segundo certificación obrante en autos. Así mesmo, durante a convivencia do procesado e a vítima, a cal cesara un mes aproximadamente antes de ocorrer os feitos anteriormente relatados, o acusado propinoulle nunha ocasión durante unha discusión unha bofetada.

Noutra situación, tres meses antes da denuncia, o procesado golpeou á muller cun cinto. Estes feitos que ocorreron no domicilio familiar non foron denunciados pola vítima, a cal tampouco acudiu ao médico. Por auto de 23 de xullo de 2019 dictado polo xulgado de Instrución nº 1 de Viveiro, decretouse a prisión provisional comunicada e sen fianza do acusado, situación na que permanece actualmente.

Deste xeito, a Fiscalía entende que os feitos relatados son constitutivos dun delito de agresión sexual; e de dous delitos de malos tratos no ámbito familiar. Así, solicita, por unha banda, dez anos de prisión e accesoria de inhabilitación absoluta durante o mesmo tempo e prohibición de aproximarse á vítima a unha distancia inferior a 300 metros e comunicarse con ela por calquera medio durante dez anos.

Por outro lado, a petición amplíase a nove meses de cárcere coas accesorias de inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo durante o tempo da condena e de prohibición de aproximarse a vítima a unha distancia inferior a 300 metros, así como comunicarse con ela por calquera medio durante un ano e nove meses, e finalmente tres anos de privación do dereito á tenencia e porte de armas. Ademais, a Fiscalía reclama 2.000 euros para a vítima por danos morais, reembolsando ao Sergas os gastos reclamados, que ascenden a 361,59 euros.

ÚLTIMAS

Dous cabalos invaden a A-8 en Lourenzá

Ás 9.05 horas deste sábado á altura do quilómetro 536 da A-8, no municipio...

Melloras no edificio dos armadores do porto de San Cibrao para facilitar as súas condicións de traballo

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, remarcou o futuro acondicionamento do edificio dos locais dos armadores no...

Colapsa unha parede do cemiterio de Barreiros deixando féretros e algunha caveira á vista

Veciños do municipio de Barreiros avisaron este venres do derrube dunha parede do cemiterio...

Sete persoas intoxicadas por monóxido de carbono nunha vivenda en Foz

Un total de sete persoas, das cales dúas son menores de idade, necesitaron asistencia...