A Garda Civil explicou este luns a través dun comunicado de prensa a súa colaboración no dispositivo de seguridade do II Rally da Mariña Lucense, celebrado a pasada fin de semana nos municipios de Viveiro, O Vicedo, Xove e Cervo. Participou no plan o grupo de helicópteros do Instituto Armado con sé na Coruña.
“Realizáronse actuacións para a protección da orde pública na contorna do percorrido, dando como resultado seis puntos de verificación de seguridade cidadá, 277 vehículos controlados, 415 persoas identificadas, cinco denuncias á normativa de seguridade vial e 16 relacionadas con materia sanitaria e os protocolos Covid-19“, remarca a Garda Civil.
“Unha vez concluído o citado dispositivo, desenvolvéronse a continuación inspeccións en varios locais de hostelería da localidade mariñá de Foz identificando a sete persoas con diversas cantidades de haxix, marihuana e cocaína, procedendo a confeccionar outras tantas denuncias por infracción á Lei de Seguridade Cidadá“, prosegue o Instituto Armado.
A Garda Civil expón que formulou “50 denuncias por infraccións á Lei Xeral de Saúde Pública ao incumplir determinados locais e clientes dos mesmos as medidas esixidas pola normativa establecida para frear as o avance da pandemia xerada por Covid-19, así como outras normas que regulan a apertura e o funcionamento dos establecementos hostaleiros”.