Un mozo faleceu durante a noite deste domingo nun accidente de circulación rexistrado no municipio lucense de Trabada.
En concreto, segundo a información do CIAE 112-Galicia, o sinistro tivo lugar pouco antes da medianoite no quilómetro 6 da estrada LU-P-6101, ao seu paso pola parroquia de Sante, en Trabada.
De acordo coa información facilitada ao 112 Galicia polos equipos de intervención que acudiron ao lugar do sinistro, a persoa que conducía o turismo perdeu a vida ao saírse da vía e chocar contra un muro.
Ata a zona do suceso desprazáronse efectivos dos Bombeiros de Barreiros e do GES da Pontenova, así como persoal sanitario do 061 que, con todo, non puido facer nada por salvar a vida á vítima.