EFE. As partes implicadas no xuízo contra José Manuel López Pérez, coñecido como ‘Coté‘, acusado de exercer como falso médico en Ferrol e en Viveiro (Lugo), ratificaron este mércores o acordo polo cal aceptan seis anos de cárcere para el e o pago de 3,3 millóns de euros de indemnización.
No entanto, o caso aínda non está pechado, pois o fiscal solicitou un adiamento ata o día 20 de xaneiro para que o acusado ingrese de xeito efectivo o diñeiro correspondente ás indemnizacións para os 129 prexudicados.
Ao longo desta mañá chegouse a un acordo coa literalidade do escrito de acusación, xa que a defensa solicitou facer algunhas modificacións en relación á redacción do mesmo.
Así, cambiouse a frase “ningún deses tratamentos atópase descrito na ciencia médica como válidos para as patoloxías supostamente detectadas polo acusado” pola oración “ningún deses tratamentos foi eficaz para as patoloxías detectadas”.
Tamén se substituíu a afirmación “dotouse de numerosos títulos”, pola palabra “obtivo” numerosos títulos.
A PETICIÓN INICIAL ERA DE 338 ANOS DE PRISIÓN
Este acordo de conformidade, polo que se rebaixou a petición de prisión de 338 a seis anos, decidiuse o pasado 18 de decembro, coincidindo co inicio do xuízo que se celebraba na Audiencia Provincial da Coruña.
Con todo, naquel momento faltaba o apoio de dúas das acusacións, as exercidas polo Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (Cofiga) e polo Consello Xeral de Colexios Fisioterapeutas de España.
Aceptaron agora o pacto porque recoñecen que “a osteopatía en España é parte da fisioterapia” e pola “escasa capacidade de manobra para conseguir unha condena maior polo delito de intrusismo“, asegurou en declaracións á prensa o letrado do Cofiga, Ignacio Espiñenta.
“Entendemos que temos unha limitación procesal en canto ás pretensións de pena que podemos lograr desde o Cofiga porque única e exclusivamente somos acusación particular polo delito de intrusismo”, detallou o avogado.
Ademais, indicou que neste tempo aclaráronse algúns términos das indemnizacións, que entenden que poden satisfacer “os mínimos” que suscitaran.
AS VÍTIMAS: “QUE SE DECLARE CULPABLE VALE MÁIS QUE CALQUERA SENTENZA”
A portavoz da Asociación de Afectados de Intrusismo Médico Sanitario, Esther Fontán, explicou, en declaracións á prensa, que é importante para as máis de cen vítimas evitar un xuízo de catro meses, xa que moitas “sufrían crises de nervios” ao recordar o ocorrido.
“A nosa maior satisfacción é que se declare culpable de lesionar, de ser un estafador, un intruso e un falso médico. Iso vale máis que calquera outra sentenza”, aseverou Fontán.
Desta modo, Coté recoñece ser autor dun delito de intrusismo (6 meses de cárcere), outro de estafa agravada continuada (3 anos e 3 meses); falsidade en documento oficial (21 meses), un de lesións agravadas (6 meses) e tres delitos de lesións simples cometidos por imprudencia grave.