Rescatados seis axentes de Policía tras envorcar unha embarcación preto do porto de Burela

O suceso aconteceu a pasada noite, cando virou unha das dúas lanchas nas que 16 persoas participaban en adestramentos

Porto de Burela. AXM

Unha embarcación de adestramento da Policía Nacional de Viveiro envorcou a pasada noite preto do porto de Burela, en Lugo.

Foron os propios axentes os que chamaron ao 112 Galicia para alertar do suceso mentres realizaban prácticas a cinco millas do porto de Celeiro.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) de Galicia, os feitos puxéronse en coñecemento de Salvamento Marítimo de Fisterra que, tras obter a posición da embarcación, mobilizou a Salvamar e o helicóptero Pesca II. Ademais, os xestores do 112 Galicia deron o aviso á Garda Civil de Lugo, o Salvamento Saturno da Cruz Vermella de Burela, aos profesionais do 061 e á Sala de Gardacostas de Galicia.

Finalmente, o persoal de Salvamento Marítimo remolcou a lancha policial cara ao porto de Burela sen a necesidade de mobilizar máis recursos de rescate. Ningunha das persoas rescatadas precisou asistencia sanitaria.

Cómpre sinalar que no exercicio de adestramento policial estaban a participar un total de 16 persoas do Grupo Especial de Operacións (GEO) en dúas embarcacións, das que só precisou auxilio unha na que tripulaban arredor de seis persoas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here