EFE. José Manuel López Pérez, coñecido como ‘Coté‘, acusado de exercer como falso médico en Ferrol e en Viveiro, recoñeceu este mércores ser autor dos delitos de intrusismo, estafa, falsidade e lesións, polo cal aceptou a pena de seis anos de cárcere.
O xuízo que ía celebrar contra el a sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña concluíu cun acordo de conformidade entre as partes, polo que se rebaixou a petición de prisión de 338 anos a seis anos, e condénaselle tamén ao pago de 3,3 millóns de euros en indemnizacións.
Tras dous adiamentos, esta mañá o fiscal e as outras doce acusacións acreditaron que o acusado ingresou de xeito efectivo o diñeiro correspondente ás indemnizacións e asinaron o acordo ao que chegaran o 18 de xaneiro.
A sala preguntoulle a ‘Coté’ se se recoñece culpable dunha serie de ilícitos, ao que leste respondeu que “si”, de modo que afirma ser autor dun delito de intrusismo (6 meses de cárcere), outro de estafa agravada continuada (3 anos e 3 meses); falsidade en documento oficial (21 meses), un de lesións agravadas (6 meses) e tres delitos de lesións simples cometidos por imprudencia grave.
O acordo contemplou dúas atenuantes moi cualificadas: unha de dilacións indebidas e outra de reparación do dano e retirou os delitos de homicidio por imprudencia e de lesións gravosas.
Mentres, a súa esposa, que se enfrontaba a unha condena de tres anos de cárcere, aceptou a pena dun ano por un delito continuado de estafa.
O avogado que representa á asociación de vítimas, Rubén Veiga, expresou, en declaracións a EFE, a súa “satisfacción” por que se pechou este caso “logo de trece anos” e celebrou que o acusado recoñecese os feitos e abonase as contías que se lle pedían.