Unha veciña de Burela pediu a través das redes sociais colaboración cidadá para recuperar 950 euros que deixou nun caixeiro da vila, en concreto o situado na rúa Eijo Garay, do banco BBVA.
A muller, que iniciou unha operación de ingreso por esa cantidade sen finalizala por erro, concretou que “despois de min alguén foi ao caixeiro e levou eses cartos. Teño un negocio e estamos todos a pasar unha situación difícil. Por iso pido encarecidamente que se me está lendo, ou se alguén coñece a historia, por favor leve os cartos á mesma oficina, ou á Garda Civil, ou os mande por correo”, expuxo.
Ademais, precisou que nas próximas horas tramitará unha denuncia por este suceso ante a Garda Civil. “Entendo que o pensar da persoa foi: antes que se quede o banco con eles, lévoos eu. Pero teñen dono, son eu, e como a todos fanme moita falta“, concluíu.
As persoas que se queden no seu poder diñeiro ou obxectos que atoparon e que non lle pertencen, aínda que nese momento non teñan dono, poden estar a cometer un delito de apropiación indebida.