InicioSucesosOnce aves aparecen decapitadas na igrexa vella de San Tirso de Portocelo

Once aves aparecen decapitadas na igrexa vella de San Tirso de Portocelo

Un galo apareceu degolado dentro das ruínas da ermida e dez galiñas no foxo do antigo castro

Publicada o

- Advertisement -

Alomenos once aves, dez galiñas e un galo, apareceron decapitadas este sábado en Xove, na contorna das ruínas da ermida de San Tirso de Portocelo.

O cadáver do galo estaba ubicado no interior da ermida, situada nun cantil fronte á illa de Ansarón.

Na contorna da capela apareceron, separadas por unha pequena distancia, duns 15 metros, dez galiñas degoladas. As cabezas dos animais non apareceron.

Galiñas decapitadas. AXM

O mínimo grao de descomposición das aves permite pensar que as mataron horas antes de que apareceran os seus corpos.

O xeito no que se sacrificaron os animais, cun corte limpo, e o lugar onde se deixaron os cadáveres podería responder a un ritual satánico.

Con todo, outras fontes apuntan a que puidera ser algún tipo de animal, coma unha denociña, o responsable desas mortes.

Non obstante, as casas máis cercanas están a case un quilómetro das ruínas da capela, polo que o animal tería que ter levado presa por presa ata esa ubicación.

Cadáveres de dous animais. AXM

Por outra banda, o sacrificio de animais principalmente comestibles, como galiñas ou cordeiros, é habitual dos ritos de maxia negra, que se celebran en lugares como cemiterios, casas abandonadas ou monumentos cristiáns en ruínas e estanse poñendo de moda nos últimos tempos.

ANTIGO MOSTEIRO

Os restos da igrexa vella de San Tirso e a contorna compoñen un lugar singular.

A ermida, de estilo barroco e que data do século XVII, foi construída sobre un mosteiro do século VIII fundado por Rodrigo, un díacono de Coímbra que fuxiu da cidade cando invasión musulmá.

Muro da igrexa vella de San Tirso. AXM

CASTRO COSTEIRO

Outra peculiaridade é que este mosteiro foi, á súa vez, levantado sobre un castro costeiro do século VIII, que ofrecía unha vista panorámica do mar Cantábrico.

Os poboadores sucesivos aproveitaron as estruturas defensivas do castro. Sobre o foxo do mesmo apareceron, precisamente, a maioría dos cadáveres dos animais.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...