A Fiscalía pide tres anos de prisión e o delito de inhabilitación especial para o exercicio de dereito de sufraxio pasivo, así como unha multa de nove meses con cota diaria de dez euros, ademais doutros tres anos sen poder exercer emprego e cargo público en calquera administración, a unha muller que exercía no 2006 como auxiliar administrativa no Concello de Barreiros, por un suposto delito de falsidade en documento público.
Segundo o escrito de acusación, datado en 2018, “no mes de xuño de devandito ano (2006), a acusada encargábase entre outras cuestións de levar as solicitudes de licenzas que se presentaban ante o goberno local e xunto con outras compañeiras anotaba no Libro rexistro do Concello, as peticións presentadas tanto por cidadáns como por empresas privadas e institucións públicas”.
O 22 de xuño, presentada solicitude por unha veciña da localidade, “coñecida da acusada”, a auxiliar administrativa tería feito, “nun momento non determinado pero con posterioridade” á tramitación inicial da petición, “engadidos da súa propia man ao documento primeiro e á correspondente anotación no Libro de Rexistro do Concello”, o que supón “atentar contra a seguridade xurídica na actuación da administración pública”.
O fiscal pide, por outra banda, o sobresemento da causa respecto da veciña que presentou a solicitude, “por considerar que non existen indicios suficientes para formular acusación fundada en dereito da súa participación nos feitos”.