A Garda Civil detivo, no marco da Operación Equitatio, a dous homes, veciños de Ribadeo e Mondoñedo, e investiga a outras tres persoas por participar supostamente nunha trama para falsear a identidade dun cabalo e dúas eguas, e así vender dous deles como exemplares de pura raza española.
A operación policial iniciouse a principios do pasado mes de febreiro, a través do propietario dunha explotación gandeira dedicada a cabalos de pura raza española para cría, situada no concello ribadense. A persoa que se encargaba do coidado da gandería notificoulle no ano 2016 o falecemento dun cabalo e dúas eguas. No 2019, tras proceder á venda dos últimos animais que quedaban, o titular soubo da existencia dun équido co mesmo nome que un dos dados de baixa, cunha valoración económica de 23.000 euros.
Así, no desenvolvemento da operación localizouse nunha explotación gandeira situada en Betanzos (A Coruña) un cabalo de pura raza española identificado por medio de microchip e documentación como un dos equinos que se deron por mortos no exercicio 2016.
A investigación centrouse tamén nos datos das dúas eguas dadas por mortas nese mesmo ano, coñecéndose a través da trazabilidade do microchip dos animais que unha delas, de pura raza española, fora en realidade vendida no 2019 a unha persoa veciña de Ferrol, sendo posteriormente revendida en León para un matadoiro. A outra delas, de raza mestiza, atopábase dada de alta nunha explotación gandeira situada no termo municipal de Miño (A Coruña).
UN ANIMAL “SEN DOCUMENTACIÓN” FOI VENDIDO COMO DESCENDENTE “DUN SEMENTAL E REPRODUTOR CUALIFICADO”
Os investigadores coñeceron, a través dos documentos solicitados da Asociación Nacional de Cría do Cabalo Español (ANCCE), que o cabalo, de nome ‘Chispo XIII‘, “achábase inscrito no libro xenealóxico de cabalo de pura raza española como neto de ‘Armas Tarugo‘, campión en España como equino de cinco anos de funcionalidade e campión de raza en México, tralo que no 2009 sería subcampeón de raza Sicab en Sevilla, sendo un semental recoñecido no mundo equino como reprodutor cualificado, o que aportaba unha alto valor á súa descendencia”, explica a Garda Civil.
O Instituto Armado concreta que esta circunstancia foi considerada polo último propietario do animal para adquirilo, “levándose unha grande sorpresa cando, ao tratar de dalo de alta como semental en ANCCE, para o que é preceptivo unha proba de ADN que demostre a xenealoxía do mesmo, resultou non ser coincidente, o que significaba que o cabalo non era realmente o identificado na súa documentación e no microchip inserido no seu pescozo“.
A investigación permitiu verificar tamén que unha das dúas eguas dadas por mortas en 2016 achábase en circunstancias similares, tras determinarse que non se trataba da orixinal, e que a outra fora en realidade obxecto de compra e venda logo desa data. Ademais, constatouse que os animais, trala comunicación das súas mortes polo coidador da explotación ao propietario dos mesmos, “recibiron atención veterinaria en diversas ocasións, e coñeceuse que o cabalo que utilizaba a identidade de Chispo XIII era un animal nado noutra explotación e que fora vendido sen ningún tipo de documentación, perdendo así a súa condición de cabalo de pura raza española”.
O modus operandi que “parece repetirse con outros animais”, concreta a Garda Civil, consistía en “inserir o microchip do cabalo posiblemente morto, dotándoo así dunha identidade falsa e que xa que logo non lle correspondía”.
OS EQUINOS ACHADOS VIVOS QUEDARON EN DEPÓSITO DO XULGADO
Como resultado desta operación procedeuse á detención de dous veciños das localidades lucenses de Ribadeo e Mondoñedo, pola comisión de supostos delitos de estafa, apropiación indebida e falsidade documental. Así mesmo, investiganse outras tres persoas, residentes na localidade de Miño, polos delitos de estafa, receptación e falsidade documental, e a un veciño de Ferrol, como suposto autor dun delito de falsidade documental.
Os equinos finalmente localizados con vida -o falso Chispo XIII e a egua mestiza achada en Miño- quedaron en depósito do Xulgado de Instrución de Mondoñedo.