Axentes do Corpo Nacional de Policía detiveron en Viveiro por un suposto delito de branqueo de capitais a unha muller que abriu diversas contas bancarias nesa localidade mariñá, a través das cales se produciu “un fluxo de diñeiro de orixe ilícita” que, posteriormente, era redirixido a Benin (África).
Tras iniciarse unha investigación, os funcionarios adscritos ao Grupo de Policía Xudicial de Viveiro puideron constatar que a muller abriu diversas contas en entidades bancarias desta localidade onde se produciu un fluxo de diñeiro, de orixe ilícita, que ascendería a case 100.000 euros. Este diñeiro redirixíase posteriormente a Benin.
Segundo informou o Corpo Nacional de Policía, esta veciña de Viveiro foi captada por unha organización criminal a través dunha coñecida rede social -mediante técnicas de enxeñaría social-, coa promesa de que sería a receptora dunha suculenta herdanza que ascendería a 153.000 euros.
Posteriormente, a muller abriu diversas contas polas que empezou a producirse o citado fluxo de diñeiro, unha cantidade total que se aproximou aos 100.000 euros. Os cartóns bancarios eran enviados a Benin, onde os responsables da trama extraían grandes cantidades de diñeiro cada día.
Cando foron detectados eses movementos fraudulentos por parte das entidades bancarias, ao sospeitar dun posible branqueo de capitais, as contas foron pechadas de oficio polos respectivos bancos.
A investigada tamén podería enfrontarse a un ilícito penal de simulación de delito, xa que presentou denuncia por unha suposta estafa nas súas contas bancarias, cando en realidade estaban a producirse saídas de diñeiro cara ao estranxeiro no marco dun suposto delito de branqueo de capitais.