Convocan unha concentración o 4 de abril contra o arquivo da denuncia polos vídeos da Maruxaina

Será ás 12.00 horas, na Praza dos Campos, e as convocantes convidan a usar a falda da festa

Actuación musical na Maruxaina. MEKANIKA ROLLING BAND

Vítimas dos vídeos gravados con cámara oculta na festa da Maruxaina, no municipio de Cervo, convocaron para o vindeiro domingo, 4 de abril, unha concentración a fin de reclamar que non se arquive a denuncia presentada pola Asociación Mujeres en Igualdad de Burela (Bumei), tal e como decretou o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Viveiro.

O xuíz non apreciou “suficientemente acreditada” a existencia dun delito de vulneración da intimidade nas gravacións realizadas a decenas de mulleres ouriñando nun calexón da vila de San Cibrao, nuns vídeos que posteriormente se publicaron en páxinas web pornográficas.

A protesta será en San Cibrao, ás 12.00 horas, na Praza dos Campos. As persoas afectadas piden apoio para a súa causa ante a “inxustiza” coa que “se está a tratar este tema”, podendo as persoas asistentes utilizar se o desexan a falda habitual da vestimenta da Maruxaina, que será o sinal de protesta.

RECOLLIDA DE SINATURAS

Bumei iniciou unha recollida de sinaturas contra o sobresemento do caso. Algo máis de 200 persoas asinaron a petición, que pode consultarse nesta ligazón. A asociación considera “indignante” que se “tenda a criminalizar ás mulleres en lugar de defendelas”, razón pola que quere dirixirse ao Parlamento de Galicia para que se posicionen respecto ao acontecido.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here