O PsdeG amosou este luns o seu “total apoio” ás mulleres que “foron violentadas na súa intimidade” en San Cibrao, na pasada festa da Maruxaina no 2019, cando se gravaron vídeos de mozas ouriñando na rúa que foron posteriormente pendurados en páxinas web pornográficas.
O pasado domingo, a praia do Torno de San Cibrao acolleu unha multitudinaria concentración para protestar contra o sobresemento da denuncia presentada pola Asociación Mujeres en Igualdad de Burela (Bumei). O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Viveiro non apreciou “suficientemente acreditado” un delito de vulneración da intimidade destas mulleres.
A secretaria provincial e deputada autonómica do PSdeG, Patricia Otero, expuxo que “dende as nosas siglas queremos apoiar as vítimas destas agresións e amosar o noso rexeitamento a estes actos intolerables”, afirmou.
“Os socialistas da provincia de Lugo manifestamos a nosa enérxica repulsa a estes comportamentos repugnantes, que teñen como unica finalidade a denigración das mulleres. Por iso dende aquí, queremos que saiban que contan co noso total apoio. E confiamos en que finalmente estes comportamentos, que son obxecto da máis rotunda condena social, atopen tamén a resposta xudicial que merecen as vítimas”, dixo Otero.