InicioSucesosUnha tormenta anega Viveiro e deixa unha vítima mortal en Xunqueira

Unha tormenta anega Viveiro e deixa unha vítima mortal en Xunqueira

A riada asulagou a vivenda da falecida, de 83 anos, e os bombeiros rescataron á súa filla entrando por unha claraboia

Publicada o

- Advertisement -

Unha tormenta que se desatou sobre as 23.00 horas da noite do pasado domingo en Viveiro e fixo rebordar aos ríos Labrada e Fontecova provocou a morte dunha anciá no barrio de Xunqueira, na parroquia de Magazos.

A vítima, Amparo Berdeal Camba, de 83 anos, vivía nunha vivenda ubicada preto do rego de Valdeflores, que subiu varios metros e rebordou o seu caudal a causa das chuvias.

A forza da corrente tirou a porta da casa e anegou a vivenda da muller, que faleceu supostamente afogada. Este luns practicaráselle a autopsia.

A súa filla, que vivía na segunda planta, foi rescatada polos bombeiros do parque de Viveiro, que deberon entrar por unha claraboia para salvala. Presentaba síntomas de hipotermia e foi trasladada ao hospital.

As inundacións provocaron varios danos materiais. Na zona de Xunqueira, a auga arrastrou varios coches e rebentou a porta do convento de Valdeflores. Tamén se anegaron varias vivendas, con persoas illadas.

A cantidade de auga acumulada condicionou a actuación dos efectivos de emerxencias debido ás dificultades para acceder ás vivendas e comprobar o estado das persoas.

CIDADE

Pero a riada afectou tamén a distintos puntos do concello e da cidade do Landro. A auga acumulouse na avenida de Cervantes, con ata dez centímetros de altura, na zona da rotonda da Misericordia, na rúa Pastor Díaz ou na zona da estación de autobuses.

Varios negocios víronse afectados polas inundacións, especialmente baixos comerciais de hostalería.

20 PETICIÓNS DE AXUDA NO 112

O 112 Galicia recibiu ao longo da noite do domingo unhas 50 chamadas en relación coa tormenta e as súas consecuencias, 20 delas relacionadas con incidencias.

Os medios mobilizados durante a noite do domingo seguen a traballar arestora para limpar a zona de Xunqueira e normalizar a situación, mentres representantes das administracións están a valorar os danos.

Participaron nas tarefas SPEIS Viveiro, GRUMIR, Policía Local e Nacional, Protección Civil, GES de Cervo, SPEIS Barreiros, e Protección Civil O Vicedo.

ÚLTIMAS

Alerta marela por ventos fortes na Mariña

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Vicepresidencia da Xunta, activou a alerta...

Acto vandálico no Photocall de Nadal instalado por ACISA Ribadeo

O photocall do Nadal de Acisa Ribadeo, instalado na rúa Rodríguez Murias, foi obxecto...

Iván Cabanas: “Ceibarrimas quere traer o rap á zona e animar á xente de aquí a rapear”

-Que é o Ceibarrimas e cal é a finalidade do mesmo? Consiste en facer “batallas...

Burela renovará o saneamento da rúa Portelo e da zona de Ril

O Concello de Burela renovará con dúas obras os servizos e a accesibilidade da...