Os sete tripulantes dun barco pesqueiro con base en Celeiro, o Hermanos Landrove, foron rescatados na madrugada dese luns tralo naufrauxio do buque a unhas 20 millas ao norte do Cabo Ortegal.
A embarcación sufriu unha vía de auga e, segundo confirma Gardacostas de Galicia, acabou afundíndose.
A tripulación do Hermanos Landrove foi rescatada por outra nave que faenaba pola zona, o Bedía, que os trasladou até o porto de Cariño, tal e como indica o 112. Ningún dos rescatados necesitou urxencia sanitaria.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) tivo constancia do suceso pasados uns minutos das 5.00 horas da madrugada, por un aviso do servizo de Gardacostas, que informaba da saída do helicóptero Pesca II.
Ademais, Salvamento Marítimo, que coordinou a operación, mobilizou o helicóptero Helimer e a embarcación Salvamar Shaula.
De igual modo, o 112 Galicia tamén alertou á Garda Civil, a Policía Local, e ao 061-Urxencias Sanitarias.
NAUFRAXIO NO 2009
O Hermanos Landrove xa padeceu un naufraxio no 2009, no que faleceu o patrón e armador do buque e foron rescatados seis tripulantes.