Efectivos da Garda Civil de Asturias localizaron este luns, sobre as 13,30 horas, a dous deportistas que foran perdidos de vista unha hora e media antes cando practicaban surf fronte ás costas de Ribadeo, e que foron atopados nunha praia de Castropol (Asturias), a algo menos de dúas millas náuticas de distancia.
A alerta produciuse en torno ao mediodía, cando unha persoa contactou co 112 Galicia para alertar de que perdera de vista a dous compañeiros, cos que estaba a practicar surf na zona de Illa Pancha, en Ribadeo.
O CIAE alertou a efectivos de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas e de Garda Civil. Así mesmo, foi mobilizado o helicóptero ‘Pesca I’ da Xunta, e efectivos de Policía Local, Garda Civil e Protección Civil.
Desde Galicia tamén se deu aviso ao Servizo de Emerxencias do Principado de Asturias que, á súa vez, mobilizou a Garda Civil da zona e a bombeiros. Cando os efectivos de bombeiros chegaron á praia de Peñarronda, axentes do Instituto Armado xa localizaran aos dous deportistas no areal, ata onde foran arrastrados pola corrente.
Ambos estaban en boas condicións e non requiriron atención médica. Axentes da Garda Civil encargáronse de levalos de volta a Ribadeo.