Un camareiro dun bar de Ribadeo foi agredido con arma branca na mañá deste martes cando ía abrir o establecemento no que traballa. Trátase do Zielo, ubicado na céntrica rúa de San Roque.
O suceso aconteceu a primeira hora da mañá. Un home descoñecido bateu na cabeza ao empregado e asestoulle unha navallada nunha perna, cun corte de varios centímetros.
O agresor deuse á fuga e a vítima pediu axuda nun local da mesma rúa. O traballador foi atendido no centro de saúde e logo trasladado en ambulancia asistencial ao Hospital Público da Mariña.
No centro hospitalario mariñao realizáronselle probas para comprobar o alcance do golpe recibido na cabeza. As feridas recibidas pola arma branca non semellan revestir gravidade.
INVESTIGACIÓN
A Garda Civil investiga o suceso cunha primeira descrición do agresor, que falaba castelán e vestía cazadora vaqueira con forro de ovella e unha braga no pescozo.
No tocante ao móbil, o intento de roubo é unha motivación probable, aínda que non se descartan outras opcións.
Segundo informaron fontes próximas á investigación, o camareiro dispúñase a ir ao banco para levar parte da recadación do local, que vende ademais lotaría.