Detidas dúas persoas como presuntas autoras dun delito de estafa en Ribadeo

Contan con "numerosas" sinalizacións de investigación de domicilio e paradoiro, así como de detención e comparecencia, por parte de varios órganos xudiciais de diferentes provincias de España.

Garda Civil. EFE

A Garda Civil identificou dous homes de nacionalidade colombiana, de 52 e 33 anos de idade como presuntos autores dun delito de estafa. Ambos tiñan numerosos antecedentes policiais.

Segundo relatan nun comunicado, a comezos do mes de xullo sóubose que unha muller sacara diñeiro nun caixeiro da localidade lucense de Ribadeo cando dúas persoas a abordaron para dicirlle que non pechara correctamente a súa sesión.

As dúas persoas ofrecéronlle a súa axuda, momento en que puideron coñecer o seu número PIN de acceso e facer o clonado  á tarxeta. Os investigados desprazáronse posteriormente á localidade de Navia, en Asturias, onde realizan varias retiradas de diñeiro por importe de 1.150 euros, “todo iso antes de que a vítima se dese conta”. Os investigados pola Garda Civil foron recoñecidos pola propia muller estafada.

Tal e como se describe, os investigados baseaban o seu modus operandi en vixiar zonas próximas a entidades bancarias e caixeiros, situándose detrás das vítimas mentres operan no caixeiro para comprobar se é un obxectivo interesante.

Cando se deciden, un dos asaltantes indica á vítima algún tipo de anomalía no caixeiro que debe resolver para que non lle accedan á súa conta. Nese momento outra persoa ben vestida e que en ocasións se confunde con operarios da propia entidade, ofrece a súa axuda, momento no que quedan coas claves de acceso e realizan o cambio da tarxeta, para desprazárense a outra entidade e retirar todo o diñeiro que poidan.

Investigan ademais se os presuntos autores, con varias identidades falsas, forman parte dalgún grupo itinerante e sen asentamento concreto. Contan con “numerosas” sinalizacións de investigación de domicilio e paradoiro, así como de detención e comparecencia, por parte de varios órganos xudiciais de diferentes provincias de España.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here