Burela e Viveiro manterán a venta presencial de billetes, pero o Feve só terá investimentos “a longo prazo”

A plataforma 'Lugo Non Perdas o Tren' confirma que Renfe recúa; "unha empresa externa" encargarase de manter o servizo nas estacións galegas onde se ía suprimir

Estación de autobús e tren de Burela. J. RAMÓN LÓPEZ/WIKIPEDIA

EFE. O voceiro da plataforma cidadá ‘Lugo non perdas o tren‘, José Manuel Carballo, confirmou que as estacións de Sarria, Burela e Viveiro seguirán abertas e con venda de billetes de forma presencial, segundo a información facilitada por directivos de Renfe en Galicia á comisión executiva dese colectivo.

A comisión executiva de ‘Lugo non perdas o tren’ mantivo o pasado venres -día 14 de febreiro- unha reunión co responsable institucional de Renfe en Galicia, Javier Pérez López, que tamén é o responsable da liña Madrid-Galicia, así como co xerente do Servizo Público de Renfe na nosa comunidade autónoma, José Enrique Ponche.

Carballo precisou que, nesa reunión, ambos directivos de Renfe confirmaron que as estacións de Sarria, Viveiro e Burela manterán a venda presencial de billetes, para o que está prevista a contratación “dunha empresa externa” que se ocupará de manter ese servizo.

CONEXIÓNS LUGO-BARCELONA E MONFORTE-LEÓN

Por outra banda, explicou o voceiro da plataforma, os directivos de Renfe tamén confirmaron que non haberá cambio de máquina na liña A Coruña-Lugo-Barcelona, de modo que se manterá unha locomotora “Talgo da serie 7” e “non se incrementarán os tempos de desprazamento” entre Galicia e a cidade condal.

Ademais, Renfe tamén se comprometeu a manter o tráfico ferroviario entre Monforte de Lemos e León, malia que nos últimos meses falábase da supresión de varios servizos.

LIÑA VIVEIRO-RIBADEO

En canto á liña de FEVE, entre Viveiro e Ribadeo, na que se producen constantes incidencias e cancelacións e que segue sen os horarios suficientes para un tren de proximidade, Carballo precisou que se espera un investimento de Renfe para mellorar este servizo, pero é unha actuación prevista a máis “a longo prazo“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here