A Xunta admite atrasos de “15 ou 20 días” pero mantén o inicio do curso “en todos” os colexios en obras

A conselleira asegura en Lugo que a "seguridade está garantida" malia que centros educativos como o nº 1 de Foz ou o Ceip de Cervo "estarán preparados cun pouco máis de retraso"

Obras no Ceip de Cervo. AXM

EFE. A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, asegurou este martes que o inicio das clases “non se atrasará” en ningún centro educativo galego malia que hai colexios nos que aínda continúan obras de mellora, cuxa execución comezou a realizarse durante o verán, entre eles o Ceip de Cervo, o colexio nº 1 de Foz e o Virxe do Carme de Burela.

A conselleira fixo estas declaracións durante unha visita que realizou ao colexio Casás, na cidade de Lugo, onde vos alumnos iniciarán este mércores o curso, malia que o edificio aínda está en obras.

“Quero transmitir tranquilidade ás familias e tamén aos equipos docentes e directivos, porque todo está preparado para que comecen as clases e, na medida do posible, convivan cos últimos remates, porque se van a realizar fóra do horario lectivo“, dixo a conselleira, de modo que “non van interferir para nada” na actividade escolar e “as aulas van estar preparadas para que entren os pequenos”.

AS ACTUACIÓNS “NON INTERFERIRÁN” NA ACTIVIDADE

Na mesma liña, aclarou que se fixo unha actuación por fases, de maneira que “os interiores” están preparados para o inicio do curso e “a maior parte das obras que non están terminadas” estanse realizando “nos exteriores” dos centros.

Ademais, “todas as empresas constructoras e os comités de seguridade das mesmas tamén están preparados para velar e garantir a total seguridade da comunidade educativa que empeza as clases”.

“Estamos no día a día das obras”, asegurou a conselleira, “porque estamos en contacto con todas as unidades técnicas, con todas as xefaturas territoriais, polo que a mensaxe ten que ser tranquilidade e de normalidade“.

Pomar aclarou que a Consellería acometeu obras en máis de medio centenar de colexios este verán e “hai centros que xa están preparados para comezar as clases”, aínda que “o dez por cento” estarao “cun pouco máis de retraso”.

“LICENZAS” QUE CHEGARON “TARDE”

“Paseime o mes de agosto visitando as obras para ter unha idea realista de cal era a situación e adiantouse máis do que esperaba. Nalgún centro chegou tarde a licenza, houbo problemas co subministro, fundamentalmente de aluminio, porque agosto é un mes complexo”, engadiu, pero agora as “cousas van bastante ben” na maioría dos colexios.

Na mesma liña, asegurou que “non hai ningún centro en Galicia no que se vaia a atrasar o inicio das clases por mor das obras. Agardo que dentro de quince ou vinte días todos os centros estean en perfectas condicións“, aclarou.

FOZ E CERVO, CON OBRAS SIGNIFICATIVAS POR FACER

O Ceip nº 1 de Foz comezará o curso o vindeiro mércores sen dispoñer do edificio antigo, polo que “todo o alumnado” ubicarase no inmoble novo ou denominado número 2. Tampouco estarán operativos o patio infantil, o pavillón nin o parque cuberto, o que obrigará a facer quendas para os recreos.

Por agora, a Asociación de Nais e Pais (Anpa) non tomou unha decisión conxunta sobre a presenza dos nenos o vindeiro mércores, de xeito que cada familia decidirá se leva aos seus pícaros á escola.

En Cervo, a Anpa decidiu por unanimidade non respaldar o inicio do curso, e enviará un escrito á Consellería de Educación para pedir explicacións pola situación. Neste centro, ao igual ca no de Foz, as obras –licitadas en maio cun prazo de execución de tres meses– comezaron a mediados do mes de xullo, e quedan actuacións significativas por facer a 24 horas do comezo do calendario escolar.

No Virxe do Carme de Burela, onde as obras de rehabilitación comezaron ao rematar o pasado curso, no mes de xuño, Anpa e directiva confían en que estea todo listo para a estrea do exercicio.

O BNG DE FOZ CRITICA A “FALTA DE SENSIBILIDADE” DA XUNTA

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Foz, que asegurou que o inicio do curso se adiaría no centro educativo focego ao vindeiro luns, cando a Xunta prevé que estean listas as obras no segundo edificio do colexio, criticou a “falta de previsión” e de “sensibilidade” do Goberno galego.

Para ubicar todo o alumnado nun inmoble, “mesmo a sala de profesores será usada como aula. Os alumnos de catro e cinco anos serán acomodados na mesma clase”, asegurou a formación frontista.

Os nacionalistas esixiron que a Consellería ofreza “información veraz e directa” ás familias. “Moitas non levarán aos pequenos ao colexio ata a vindeira semana, pero a conciliación é difícil e outras deberán aceptar este escenario en construción”, lamentaron.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here