“Onde hai comercio hai vida, foi así sempre, e as rúas gozan de maior seguridade e servizos”

A Federación de Comercio A Mariña, que preside Juan Carlos Paleo, ofrecerá asento a oito persoas en cada partido da tempada dos equipos do Pescados Rubén

Juan Carlos Paleo. AXM

A Federación de Comercio A Mariña (FCAM) afronta o outono cunha campaña para darse a coñecer nas redes sociais e achegar á clientela do comercio local ao espectáculo do fútbol sala. A través dun convenio co Pescados Rubén Burela FS, os empresarios da bisbarra ofrecerán oito asentos en Vista Alegre en cada partido da tempada, tanto do equipo masculino como do feminino. Este venres, os pupilos de Juanma Marrube (21.00 horas) mediranse ao Valdepeñas.

Falamos co presidente do colectivo, Juan Carlos Paleo, sobre os obxectivos e retos da asociación.

P. Como xurde a idea de colaborar Pescados Rubén e FCAM?

R. Iniciamos a colaboración no Memorial Heroes do Orzán, e decidimos continuar achegando o fútbol sala de Primeira División a todos os mariñaos e clientes do comercio local.

É un privilexio para A Mariña contar con dous equipos na máxima categoría, mesmo en Ligas consideradas entre as mellores do mundo do fútbol sala.

Desde logo. Estes dous equipos son uns embaixadores de luxo da Mariña Lucense durante todo o ano.

Como funciona esta campaña?

Pois é a través da nosa páxina de Facebook. As persoas que queiran participar no sorteo teñen que responder a unhas preguntas e temos oito asentos en Vista Alegre que están agardando polos acertantes ara ver os partidos do mellor fútbol sala, tanto de Liga como doutras competicións. As localidades estarán dispoñibles a tempada completa, tanto do equipo feminino como do masculino.

Actualmente está a sortear as localidades a FCAM no seu conxunto, pero máis adiante as Acias que forman parte da agrupación poderán enriquecer as súas campañas con estes premios.

Tamén teñen en marcha a campaña dos 1.000 motivos para mercar na Mariña. Como se vai aguantando esta época posterior ao verán e anterior ao Nadal?

Así é, estamos a sortear nas distintas localidades 1.000 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados. Respecto a esta época de outono, é unha especie de deserto no que inflúe moito o clima que teñamos. Calquera inestabilidade afecta ao comercio, porque tamén afecta ao ánimo, e supón aprazar as compras ou facelas.

CASE UN MILLEIRO DE ASOCIADOS E 4.000 EMPREGOS

A FCAM comezou a súa andaina no 2013. Cantos asociados teñen?

Pois vai variando, porque todas as asociacións teñen altas e baixas, pero hoxe achegámonos aos 1.000 comercios, os asociados vanse incrementando. Son as Acias de FozRibadeoBurelaViveiroCovasXoveO Vicedo e Lourenzá.

Cantos postos de traballo reúne a FCAM?

Contando os propietarios, que son autónomos e ao fin e ao cabo empregados tamén, andamos polos 4.000 empregos.

A FIDELIZACIÓN, RETO

Cales son os principais retos que afronta o comercio local no mundo global de hoxe?

Fidelizar á clientela é o desafío máis importante, porque hoxe un cliente pode utilizar moitos medios para facerse cun ben ou un servizo, entón hai que diferenciarse individualmente, tecnicamente, poñer en valor a nosa proximidade a esa persoa e tamén facer reflexionar sobre que queremos ser, se vilas e pobos en vida ou con ela.

É de sempre que onde houbo comercio houbo vida, desde as rutas da seda… Onde se instalaban os mercados é onde había movemento, e as rúas que tiñan negocios tiñan outro tipo de prestacións, comodidade, maior seguridade… Humanízanse as rúas e mellórase a vida social e familiar. E iso é moi doado de destruír hoxe en día, está a golpe dun clic.

A UNIÓN, CHAVE

Supoño que, diante desa batalla ante as ventas por internet, cos seus convintes e inconvintes, é importante que o comercio local estea unido.

Ese é o obxectivo da asociación, baixo o meu punto de vista. Enfrontar conxuntamente os retos, aminorar os costes e darlle maior visibilidade aos negocios, axudar a fidelizar a clientela e facerlle ver os beneficios de mercarlle ao veciño. É a sensación tan diferente que nos produce ver un local que pon “se alquila” ou “próxima apertura”. Iso é o que tentamos facer ver coa campaña ‘Ollo’, na que simulamos o peche, ou con ‘Desvirtualízate‘.

Nas rúas onde hai comercios vai xurdindo novos negocios, novas ilusións, e a vida reactívase. Estar xuntos amortigua unha posible caída e reinvírtese a tendencia. Por iso digo sempre que temos que axudar ao veciño que abre un comercio. A potenciación dos compañeiros é fundamental; eu penso que cantos máis mellor, e canto mellor sexa o negocio que se monte e mellor lle vaia, tamén beneficiará ao resto.

Temos que utilizar, sendo comercio minorista a maioría de nós, coas súas vantaxes e inconvintes, todas as canles que poidamos, como son as redes sociais.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here