InicioCulturaVangarda educativa forxada no concello máis illado de Asturias

Vangarda educativa forxada no concello máis illado de Asturias

O Foro Comunicación y Escuela do IES de Vegadeo, que cumpre dez anos, ten a súa raíz en Santolín de Ibias

Publicada o

- Advertisement -

O Foro Comunicación y Escuela de Vegadeo cumpre o seu décimo aniversario. Conferencias de expertos en todos os campos do coñecemento, exposicións, concertos, intercambios educativos e viaxes a centros de interese cultural, económico, académico ou político por toda a xeografía española avalan a traxectoria desta iniciativa que se xesta no Departamento de Lengua do IES Elisa y Luis Villamil pero que sobrepasa os límites da comunidade escolar.

Con todo, este proxecto non se entende sen unha retrospectiva. Viaxamos cara atrás no tempo co promotor do foro, Luis Felipe Fernández, e a súa experiencia previa en San Antolín de Ibias.

ENSINO MULTIMEDIA NA MONTAÑA

No 1985, recén chegado a un concello marcado polo illamento xeográfico, o mestre –naquel momento o director máis novo de Asturias– liderou un proxecto que converteu a comarca nun referente educativo e cultural no Estado.

O CEB Aurelio Menéndez creou o periódico escolar máis antigo de España e puxo en marcha unha radio que se escoitou no concello cando aínda non chegara alí o sinal de Radio Nacional de España –o repetidor inauguraríase en abril do 1998 grazas ao eco acadado xa daquela pola iniciativa-. Logo foi a quenda da televisión, que transmitía en directo as conferencias organizadas no centro, e despois, fixéronse emisións para todo o mundo a través de Internet.

en ibias, a radio escolar triunfou cando aínda non chegara o sinal de rne

O resultado foi un proxecto multimedia nun concello das montañas dos límites entre Asturias, Lugo e León, moito antes de que os equipamentos informáticos chegaran ás aulas doutros centros. O dinamismo da comunidade educativa arrastrou á veciñanza e logrou para Ibias un “salto de séculos”. Con esta mochila, Luis Felipe Fernández –nado en Castropol– chegou a Vegadeo dúas décadas despois, para impartir Lingua Española.

SELA DA LOURA E O ESPÍRITO DE IBIAS

Foron anos moi intensos. Cheguei a Vegadeo con dúas premisas. Nunca máis un proxecto como aquel e nunca máis dirixir un centro”, comenta. O seu plan de futuro cambiou o día da presentación do curso 2007-2008, nunha conversa cun dos estudantes. Tratábase de Omar, de Sela da Loura, unha aldea na estrada de Vegadeo a La Garganta.

Cando lle preguntei polo lugar, díxome que alí non había nada, que non se quedaría. A resposta conmoveume. Lembroume a miña propia infancia, o empeño dos meus pais en que meu irmán e eu estudasemos. Decidimos que aquela aldea sería a máis importante para nós aquel curso”, recorda.

Visita do foro a Omar García e a súa familia en Sela da Loura. CEDIDA

A historia podería quedar nunha anécdota pero a resposta espontánea recuperou para Vegadeo o espíritu de Ibias. O pasado 1 de maio, unha delegación do foro estivo en Sela da Loura para revivir ese episodio fundacional e “recoñecer o esforzo das familias que loitan pola educación dos seus fillos”.

ACTIVIDADES GRATUÍTAS, APOIO PRIVADO

O Foro comezou a tomar forma en setembro de 2008 nunha xuntanza na casa da cultura de Castropol, onde o centro convocou a políticos, empresarios e outros axentes sociais da contorna para recabar apoios para a iniciativa. “Tiñan que ser actividades gratuítas para o alumnado, para que as posibilidades de formación fosen as mesmas para todos”, indica Fernández. A primeira edición do Foro Comunicación y Escuela púxose en marcha en marzo do 2009.

as empresas achegan o 80% dos fondos do foro vegadense

Os concellos de Vegadeo, Castropol e Ibias e o Goberno do Principado colaboraron desde o inicio co proxecto, pero o 80 por cento dos fondos cos que conta son privados. Firmas como Reny Picot, Alsa ou Caja Rural de Asturias son algúns dos patrocinadores. “Hai unha compoñente importante de amizade persoal”, recoñece o mestre, que comprometeu co proxecto vegadense a moitas das persoas que colaboraran con el en Ibias. “Coa crise perdemos apoios económicos pero a supervivencia do proxecto nunca estivo en cuestión”, resalta.

COMPROMETIDOS CO TERRITORIO

O Foro Comunicacion y Escuela deu cunha fórmula propia para materializar a idea “dunha escola aberta á comunidade”, que establece vínculos coa súa contorna e que xenera e recoñece contextos de aprendizaxe fóra da aulas. Pero vai un paso máis aló e “asume unha posición de liderado” nese contexto.

O alumnado roda un vídeo sobre o sector gandeiro que se proxectará o 23 de xuño. CEDIDA

No 2015, un grupo de alumnos dos institutos de Vegadeo e Navia viaxaron a Nova Zelanda para visitar diferentes explotacións agrarias e gandeiras e coñecer en primeira persoa o funcionamento do sector na antípoda. Á volta, os propios estudantes espuxeron á comunidade os coñecementos adquiridos e avivaron o debate sobre as oportunidades de desenvolvemento do propio territorio. O proxecto apostou tamén por afortalar os lazos entre os centros educativos da comarca Oscos-Eo, como marco no que elaborar propostas para responder a eses desafíos.

52 ACTIVIDADES

O director do Museo do Prado, Miguel Falomir, o avogado Antonio Garrigues Walker, o presidente da Real Academia Española (RAE), Darío Villanueva, ou o xornalista Diego Carcedo pasaron polo foro desde abril.

A axenda continuará coas máis de medio cento de actividades previstas para esta edición, que culminará en decembro cunha viaxe ao Parlamento europeo en Estrasburgo e á Organización Europea de Investigador Nuclear (CERN) de Xenebra.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...