Concello e Fundación Penzol planean unha programación “innovadora” para a Casa Museo de Cunqueiro

A entidade cultural ubicada en Vigo contén máis de 300 cartas, documentos persoais, manuscritos e fotografías do escritor mindoniense

Reunión entre a alcaldesa en funcións de Mondoñedo e representantes da Fundación Penzol. AXM

A alcaldesa en funcións de Mondoñedo, a popular Elena Candia, mantivo este xoves unha xuntanza de traballo en Vigo co presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga Pereira, e co seu director, Francisco Domínguez, co obxectivo de programar actividades conxuntas para a posta en valor da obra de Álvaro Cunqueiro.

Na reunión o goberno local trasladou a súa intención de programar novos contidos para a Casa Museo do escritor mindoniense, que abriu as súas portas o pasado mes de marzo. Trátase, segundo explica Candia, de trazar “unha folla de ruta que contribúa a seguir divulgando o legado do escritor”.

A alcaldesa en funcións traslada a vontade do goberno local de que o museo incorpore contido innovador para que siga sendo atractivo e capte a atención e o interese de veciños, visitantes e investigadores.

Candia agradece a collida que lle brindaron na Fundación Penzol e a súa disposición a colaborar, cunha programación que se dará a coñecer proximamente.

COLECCIÓN DE REFERENCIA

A Fundación Penzol, centro de consulta de referencia, é unha entidade cultural sen ánimo de lucro situada en Vigo. Creouse en 1963 por iniciativa de Fermín Penzol, cando decide doar a súa valiosa biblioteca especializada en temática galega de acceso público para a investigación.

Desde entón foi enriquecéndose con numerosas e variadas achegas, entre elas os fondos do escritor Álvaro Cunqueiro doados polo seu fillo César. Contén máis de 300 cartas, documentos persoais, manuscritos e fotografías do escritor.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here