“Mondoñedo salda unha débeda con Cunqueiro”

Abre a casa-museo do escritor mindoniense, cun investimento de 420.000 euros e chamada a converterse en punto de difusión do legado do autor e de dinamización cultural

Inauguración da casa-museo de Cunqueiro. AXM

Poñer en valor a edificación e dispór dun centro para lembrar ao escritor, de modo que se reconstruirán os espazos cos materiais, as luces e os obxectos que había cando a casa estivo habitada por Cunqueiro, para que o visitante se sinta no ambiente no que vivía. Así explicaba o Concello de Mondoñedo o obxectivo do proxecto que impulsou coa casa-museo de Álvaro Cunqueiro.

Ubicada na Praza da Catedral de Mondoñedo, foi inaugurada na tarde deste venres logo dun investimento que superou os 420.000 euros, dado que a Deputación de Lugo achegou 308.000 euros en tres anualidades para a rehabilitación integral do inmoble, mentres que a Xunta de Galicia puxo 120.000 euros do proxecto de musealización.

A pinacoteca ofrece aos visitantes a posibilidade de ver a cama do escritor, a súa máquina de escribir e outros elementos persoais significativos.

Tamén conta con material audiovisual e converterase nun lugar de consulta da obra do autor.

EDIFICIO

O edificio, que conta cunha superficie útil de 289 metros, divididos en catro plantas, foi renovado por completo, con instalacións de novas redes de saneamento, calefacción, iluminación e ventilación. Tamén se instalou un ascensor.

Durante as obras atopáronse achádegos arqueolóxicos, así como pinturas do século XV, que foron restauradas.

HORARIOS

A casa-museo de Cunqueiro estará aberta de martes a domingo, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.

Abrirá tamén os luns 15 de marzo e 18 de abril, no día de San Xosé e na Semana Santa.

DINAMIZACIÓN DA CULTURA

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, sinalou que a casa-museo axudará “a difundir o legado e a figura” do escritor mindoniense, cuxa obra “brila en calquera lugar e en calquera tempo”.

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, subliñou que a Deputación colabora coas causas de interese público “goberne quen goberne”.

Pola súa banda, a alcaldesa, Elena Candia, sinalou que o Concello “salda unha débeda con Cunqueiro” e tamén cumpre un compromiso do goberno local “non só con Mondoñedo, senón tamén con Galicia”.

Candia asegurou que a casa-museo non será unha pinacoteca “estática”, senón que a intención do Concello é “que poña valor á súa obra e mostre o que achegou á cultura galega”.

BECAS E PREMIO DE NOVELA

É dicir, que non sexa só “un reclamo para turistas e visitantes”, senón “un elemento dinamizador da cultura”. Así, falou de “establecer becas para que se siga estudiando a súa obra” ou de por en marcha “un premio de novela”.

O FILLO DO ESCRITOR, AUSENTE

Candia agradeceu a César Cunqueiro, fillo do escritor, “a colaboración e o cariño” coa que acolleu o proxecto. Sen embargo, o descendente mostrou unha posición crítica co proxecto e non acudiu á presentación.

Nunhas declaracións ao Faro de Vigo, Cunqueiro asegurou que “non se me pediu a miña opinión” sobre o museo, no que se priorizou “a cultura sobre a política”, e criticou a decisión de albergar un restaurante, Taberna de Galiana, no inmoble.

O CONSELLEIRO, ‘CUNQUEIRIANO EMERITUS’

Ao longo da tarde do venres, Román Rodríguez foi distinguido como ‘Cunqueiriano Emeritus’ polo Concello de Mondoñedo, un nomeamento cuestionado polo BNG ao entender que responde “a un interese meramente político” do goberno local.

Rodríguez foi o encargado de pechar o acto coa lectura dun fragmento de ‘Os outros feirantes‘.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here