InicioCulturaTouriñán: "En Mondoñedo sempre me tratan ben. É obrigado devolver ese cariño"

Touriñán: “En Mondoñedo sempre me tratan ben. É obrigado devolver ese cariño”

O actor e humorista será o pregoeiro da Feira da Artesanía Os Muíños, que reunirá artesáns de toda a comarca nun dos barrios emblemáticos da cidade

Publicada o

- Advertisement -

Xosé A. Touriñán marcará o inicio oficial da Feira de Artesanía dos Muíños de Mondoñedo. O actor e humorista será o encargado de ler o pregón (ás 12.30 horas, na Praza dos Muíños).

Nun verán axetreado, con moitos proxectos entre mans, fai un parón para atender a Xornal da Mariña.

“EMBAIXADOR”

P. En Mondoñedo téñente como “embaixador” da cidade.

A verdade é que sempre me tratan excelentemente ben. Hai un ano e pouco fun actuar, nunca traballara alí, e desde ese día estiven noutros eventos. Ata me convidaron a ir ver a cova do Rei Cintolo. Así que, cando te tratan ben, é obrigado devolver ese cariño.

Estiveches no barrio dos Muíños?

Pois cando visitamos a cova paramos alí a tomar o café de pola mañá e estivemos vendo os canais de auga que hai no barrio, as pontes, os lavadoiros.

Coñeces de cerca algún oficio tradicional, a algunha artesá ou artesán?

Meu avó era carpinteiro, dos que traballaba na casa. E despois teño amigos que son artesáns, a familia Seivane, amigos que estudaron conmigo e fan zanfonas. Pola miña zona tamén hai zoqueiros, cesteiros, que ademais fan cada vez produtos máis novidosos.

“NAS FEIRAS SON MÁIS DE MIRAR. FÁGOME COS CONTACTOS E LOGO NOS TALLERES É ONDE FAGO OS TRATOS”

Nunha feira de artesanía como a do sábado, eres dos que mercas ou dos que miras?

Nas feiras son máis de mirar. O que fago é quedarme con contactos, números de teléfono para logo visitar os seus talleres e ver o que fan. Aí é onde fago os tratos (risas).

O PREGÓN

Levas uns cantos pregóns ás costas. Como se prepara ese papel de animador de feiras e festas?

Sempre lle digo á xente que non entendo moi ben como convidan a unha persoa de fóra para falar da festa do seu lugar, se quen a coñecen son eles. Que novidade se lles pode contar!

Sobre a maneira de preparalos… Normalmente, empezo por saudar a veciños e visitantes, contando algunha anécdota ou algunha curiosidade do sitio, según cadre. E despois fago un repaso pola historia da festa ou da feira, pola historia que coñezo ou que invento para a ocasión. Pode ser realidade ou ficción, ou ter algo de todo, pero cóntoo como se fose un historiador.  Gústame rematar cun dos monólogos que teño e que teñen que ver con festa, con diversión.

Quen sobe ao escenario? Touriñán ou Mucha, Joao Simoes, Manolo Lojo, Santi do Monólogo do Imbécil, Paquito Charlín…?

Sobe Touriñán, que é a quen convidan a dar os pregóns. Os outros van no peto por se fai falta botar man deles.

HUMOR

Falamos de que xa estiveras actuando en Mondoñedo -coa obra Manolo Lojo-. Que tal a conexión co público mindoniense e mariñao, en xeral?

Moi boa, como che decía, o trato é sempre excelente, marabilloso, de toda a xente desa zona, igual que a do resto de Galicia. Que che vou contar eu! A min a xente trátame cun cariño espectacular. Despois, en escena, depende case máis de nós que do público, de facelos desfrutar a eles.

“SEGUNDO OS LUGARES, O XEITO DE RECIBIR E VIVIR O HUMOR É ALGO DIFERENTE. A XENTE DA COSTA É MÁIS ABERTA, A DO INTERIOR É MÁIS COIDADOSA”

Hai un humor característico en cada zona?

Si, creo que, segundo os lugares, o xeito de recibir e de vivir o humor é algo diferente. Na zona das Rías Baixas e nas de costa en xeral, a xente ten un caracter máis aberto. A do interior é quizais algo máis reservada. Ves a todo o mundo desfrutar pero quizais con ese coidado de non querer molestar cunha risa, cun aplauso. Son formas distintas de vivilo.

‘UNHA NOITE NA PRAIA’

Agora estás co espectáculo ‘Unha noite na praia’, que compartes con Carlos Blanco. Estaredes en Burela o 30 e 31 de agosto.

Si, reiniciando xira despois do verán. Burela é un lugar no que paramos sempre cos espectáculos que facemos. É dos destinos fixos, polo espazo que teñen.

Creo que podo aproveitar para decir que estaría ben que tivesemos algún outro auditorio ou escenario así pola Mariña, para facer montaxes algo máis grandes. Xa llo direi á alcaldesa! (risas).

“OGALLÁ NA MARIÑA HOUBESE LUGARES PARA FACER MONTAXES MEIRANDES. XA LLO DIREI Á ALCALDESA”

Traballo á parte, vés moito pola Mariña?

Pois a verdade é que teño moito menos tempo do que quixera e as vacacións e días libres que teño gústame estar na casa. Vou moi pouco á praia. A Mariña visítoa máis para ir comer ou dar unha volta.

PROXECTOS

É tempo de moito traballo?

Como sempre digo, o autónomo ten traballo cando o hai. Esta tempada igual non estou tendo moitas actuacións pero estamos traballando en producir e ensaiar cousas que veredes no inverno.

“ESTAMOS PREPARANDO UNHA ADAPTACIÓN DE ‘FARIÑA’ PARA O TEATRO, CON MARÍA VÁZQUEZ, CRIS IGLESIAS, MARCOS PEREIRo E sergio zearreta”

No ámbito audiovisual ou das artes escénicas?

De todo. Estou preparando a segunda temporada de ‘Pequeñas Coincidencias’. E tamén estamos producindo unha montaxe. Unha adaptación de ‘Fariña’, de Nacho Carretero, que tivo tanto éxito no audiovisual. Imos levala ao teatro cunha produción na que estarán, no escenario, xente como María Vázquez, Cris Iglesias, Marcos PereiroSergio Zearreta.

Que supuxo participar na serie ‘Fariña’?

Supuxo que me viran traballando nunha cousa moi distinta á que viña facendo. En Galicia todo o mundo estaba acostumado a verme en comedias. Por outra parte, cunha serie desa proxección, consegues que te coñezan, que che poñan cara a nivel estatal. E se che poñen cara e o traballo está ben feito, poden chamarte para máis proxectos. Fixen Justo antes de Cristo’ para Movistar, e veñen outras cousas. Foi un salto a todos os niveis, persoal e profesional.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...