Música e curtametraxes completan as Veladas de Teatro de Cervo

O evento, que se celebrará de xoves a domingo, cumpre dezanove anos cun programa no que se dan cita grupos da Mariña Lucense e do Occidente de Asturias

Colectivo Cultural Ollomao. AXM

O grupo O Bordelo organiza un ano máis as Veladas de Teatro de Cervo, que se celebrarán deste este xoves ao domingo na Praza do Souto. O programa inclúe catro representacións, de colectivos da Mariña Lucense e occidente de Asturias, pero tamén concertos e proxeccións de curtametraxes.

Todas as citas serán ás 21.30 horas, con entrada de balde. O grupo Ollomao, de Barreiros, abrirá as veladas este xoves coa recreación da obra ‘Enciclopedia Álvarez‘, unha adaptación dirixida por Ramón Casas Oroza.

O venres será a quenda de Ardora, de San Cibrao, que interpretará ‘O silencio do badal‘, obra de Paco Piñeiro dirixida por Paz Rodríguez Silva.

O sábado tocaralle a Teatro Baluarte, de Puerto de Vega. A formación naviega porá en escena a peza ‘El crédito‘, escrita por Jordi Galcerán e dirixida por Belén Álvarez.

O grupo local pechará a programación o domingo con ‘Toluras de proveito‘, escrita e dirixida por Piñeiro.

‘EXPRESS-ARTE’

Como é habitual, O Bordelo enriquecerá as xornadas teatrais con actuacións musicais ou proxeccións. Cada unha das obras estará precedida por un petisco artístico de arredor de media hora de duración, coñecido como ‘Express-arte‘.

A intención é, expón Piñeiro, “dar unha oportunidade a aquelas persoas que empezan, abrirlles unha fiestra para que a xente os vexa”.

O xoves proxectaranse dúas curtametraxes gravadas con actores de Cervo ou paisaxes do municipio. Unha delas está baseada nun suceso real de 1920 que ocorreu en Foz. “Foi similar a Romeo e Xulieta, unha historia de amor truncada polas familias”, precisa Piñeiro. Suso do Breogán recolleu a historia que serviu de base á película.

A outra curta é ‘Instrucciones para empezar a hablar en gallego‘, dirixida por Matías Nicieza, vencedora do certame que se celebra en Alfoz.

O venres, o grupo mindoniense Mondrum ofrecerá un concerto. Trátase dunha innovador formación de percusión, dirixido por Xan Carballal.

O sábado ofrecerá un concerto o vocalista José Luis Rodríguez “Rosino”, mentres que o domingo o trío caboverdiano Moreninhas fusionará a música galega coa do seu país de orixe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here