José Manuel López Chao e Guillermo Jorge Riguera asinan ‘Dous irmáns emigrantes das montañas de Ourol e Muras: José María e Manuel Riguera Montero‘ (Libros Lar, 2019), biografía que foi presentada o pasado xoves nas Xornadas de Historia Local de Ourol. Falamos co primeiro sobre este volume.
P. Quen foi José María Riguera Montero?
R. Pois foi un home dunha fonda formación humanística, que naceu en Ourol no 1845 e aos poucos anos foise vivir coa familia en Ximarás (Muras). Estudou en Viveiro Latinidade e Humanidades, e en Mondoñedo, onde seu pai era notario eclesiástico, Filosofía e Teoloxía.
Marchou a Montevideo con 22 anos, malia o bo estado económico da familia. Alí exerceu como avogado, cun bufete propio, e tivo un éxito importante. Tamén estivo implicado na creación do Instituto Oriental, que sería o xerme dos actuais Liceos.
Problemas de saúde levárono a tentar curarse en Galicia e afincouse na Coruña durante 30 anos. Na Coruña tivo unha relevancia social, participou no Orfeón El Eco, fundado por Pascual Veiga, participou na creación do Teatro-Circo Emilia Pardo Bazán.
Tamén na creación da Liga de Amigos de Galicia, na inauguración dun dispensario antituberculoso que se inaugurou dous anos antes de que o houbese en Madrid. Dooou moito diñeiro a asociacións benéficas. A morte sorprendeuno nunha visita a Viveiro, e faleceu sen descendencia. O seu corpo foi sepultado en Merille.
BENEFACTOR
Que contacto tivo cos seus concellos de orixe?
Sempre con moito contacto cos concellos de Ourol e Muras. Era xente implicada coa sociedade ‘Viveiro y su comarca‘ e colaborou cunha achega de 1.000 pesetas coa escola de Muras, a cantidade máis importante entre todos os mecenas. Tamén coa Igrexa do Sixto. Axudou á construción dunha estrada que uniu os seus dous lugares de procedencia, os núcleos ourolés e murense, e e que reformada aínda se utiliza hoxe en día.
Doou a imaxe de San Pedro para a as festas patronais en Muras. Daquela fixéronse tres días de festa e houbera mesmo tíovivos, algo que non se vira nunca nas aldeas nin na maioría das grandes cidades. Era un filántropo pero ao que lle gustaba a notoriedade.
Sempre tivo paixón pola escritura e polo xornalismo.
Si. Definíase como liberal pero sempre tivo unha impronta católica moi forte. Escribiu en El Eco, de Viveiro, de orientación conservadora, e en El Lucense. Tamén fundou con Alfredo García Dóriga e Noriega Varela El Baluarte de Galicia en Mondoñedo, no 1893, aínda que tivo unha vida curta, de cinco ou seis meses. Foi vicepresidente de La Voz de Galicia no 1915; era amigo de Fernández-Latorre e Pardo Bazán, entre outros.
POLÉMICO
Polo que conta no libro, era un polemista nato.
Era un home vaidoso, polémico. Ao escribir en El Eco, de orientación conservadora, tivo problemas con El Vivairense, liberal e anticlerical, ao tomar partido por Servando Fernández Victorio, candidato católico por Viveiro. Topou cunha oposición no Viveirense, que se meteu con el, con artigos moi duros. Cando pareceu un roubo despois dunha viaxe por Europa, dedicáronlle un artigo no que ironizaban asegurando que este “hijodalgo no sufrirá quebranto su colosal fortuna”.
El respondeu ao director do xornal tildándoo de “chacal criado en las fragas de Trasbar” e de “sesudo payaso de la prensa” que “encierra tal peligro para la salud pública por su virus ponzoñoso que es necesario condenarlo a las voraces llamas”.
PLEITO CON MURGUÍA
Tamén tivo un enfrontamento con Murguía.
Ocorre cando se crea a Real Academia Galega, no 1905. El está a prol da institución, pero considera unha humillación non ser recoñecido entre os 40 membros fundacionais, e entende que se creou a gusto de Murguía, nunha reunión cuns poucos asistentes que non supuñan o suficiente consenso, e a prol dun rexionalismo do que disentía. A lea acabou en insultos e no xulgado, aínda que a demanda foi sobreseída. Dedicoulle a esta liorta un libro enteiro que titulou ‘Películas académicas‘.
Así, critica que algúns membros non eran galegos, alcuma a Murguía “pontífice máximo” e acusa aos académicos de aproveitarse do diñeiro que chegaba de Cuba, onde naceu o xerme da institución, para o seu lucro persoal: “e mentres tanto o galo vay cantando / có millo que de Cuba está chegando / Gracias a Dios e ás nosas labores / as nosas barrigas parecen tambores”. Tamén escribiu “a los tontos en el suelo / y en la gloria Dios los premia / pues muertos entran al cielo / y vivos a la Academia”.
Outra das súas polémicas foi en torno a Miguel de Cervantes. Defendía un berce manchego e apelidos galegos.
No 1905 celebrábase o terceiro centenario da publicación do Quixote e el defendía que o autor nacera en Alcázar de San Xoán, algo que hoxe está superado. Tamén que o apelido Cervantes procedía da Montaña de Lugo, cun concello chamado dese xeito e dúas parroquias, San Pedro e San Román, que levan o Cervantes no nome.
E tamén de que Colón era galego.
Foi un entusiasta defensor da teoría de que era de Pontevedra, como aseguraba Celso García de la Riega. Naquela altura morrera a súa muller e apaixonouse co tema, sobre o que escribiu cartas á presa.
UNHA PALIZA, DETONANTE
E quen foi Manuel Riguera Monteiro?
Manuel era doce anos máis novo, emigra tamén. Non tiña intención. Hai un momento no que vai a cabalo e asáltano, déronlle unha paliza. Deixárono enriba do cabalo e atopárono nas inmediacións dunha casa, déronlle a atención médica que souberon. E recuperouse. Non se sabe que pasou, mesmo se barallaba que o agrediran persoas cercanas por un motivo descoñecido, daquela colleu medo e marchou.
Estudou a avogacía e logo marchou a Bos Aires, onde montou a súa oficina. Manuel e José María, nas dúas beiras do río da Prata, resolvían como avogados problemas de xente da Mariña de Lugo, temas de herdanzas, por exemplo. Casou alí cunha persoa de ascendencia italiana e fixo toda a súa vida na Arxentina. Formou parte do Centro Galego de Montevideo e foi presidente da Casa de Galicia de Bos Aires.
Ademais, participou en diarios como La Unión Gallega ou na Editorial Céltica, que fundou Blanco Amor. Foi profesor no Colexio da Esperanza. Ambos exerceron a docencia e a avogacía. Morreu no 1937, polo que había unha imaxe relativamente cercana.
TRABALLO TRANSOCEÁNICO
Porque no caso da historia de Manuel, quen escribe é un parente da Arxentina.
Exactamente, Guillermo, que foi bisneto seu. El levaba tempo tentando recuperar a imaxe dunha persoa que tivo unha certa relevancia social e pública e escribiu artigos para a revista Hume no 2006. O que fixemos foi recollelos, corrixilos e aumentalos, e engadilos ao libro.
Como xurdiu a idea de facer este libro?
Pois por un lado había moita documentación, especialmente de prensa, sobre José María. Pero por outro, había pouco escrito. Existe unha pequena biografía que lle fixo en vida un amigo del, catedrático de Xeografía de Historia, na Coruña, Leopoldo Pedreira, pero que contén algúns erros.
No volume publicado polo Concello sobre a historia de Ourol hai varias páxinas, pero na Wikipedia ata hai pouco había catro liñas, cheas de inexactitudes. Levoume un ano e medio de documentación, con traballo de hemeroteca e coa axuda da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén me axudou unha especie de diario que el lle escribía aos seus pais.
RETRATO DOS LUGARES
Que retrato fai o libro da emigración e de como eran Ourol e Muras na época?
Eu son enxeñeiro técnico, polo que tentei facer a biografía co maior rigor posible. Ao tempo, tentei que non fose árida para o lector, e que contivese varias historias que explican como era a vida en Ourol e Muras na época. Así, hai pequenos textos incluídos titulados co nome ‘anécdotas do lugar‘.
Fálase das festas populares, de como unha muller, neste caso na Coruña, foi tiroteada polo seu marido porque non estaba ben visto que escribise poesía, unha poesía que Jose María louvou na Voz de Galicia; hai reproducido un menú dunha comida de gala da época; ou de como José María interviu para que quitaran do cárcere a varias mulleres durante a folga dos mineiros de Vilaoudriz no 1903. Aínda que era conservador, proclamaba a instrución da muller en igualdade de condicións co varón.