A ópera chega o 8 de marzo por quinta vez a Burela con ‘Rigoletto’, de Giuseppe Verdi

As entradas estarán á venta esta semana, con prezos entre os doce e os 18 euros

Interpretación de 'Rigoletto'. AXM

A concellería de cultura de Burela anunciou este luns que o vindeiro 8 de marzo, domingo, o auditorio municipal acollerá de novo, por quinta vez, un espectáculo de ópera. Trátase de ‘Rigoletto‘, de Giuseppe Verdi.

O concelleiro de cultura burelao, José Díaz, precisa que o espectáculo (19.00 horas), ofrecido pola mesma compañía que nas anteriores ocasións, chegará a Burela tamén de novo través da empresa ConcerLírica. “É unha ópera en tres actos, con dous descansos dun cuarto de hora e unha duración aproximada de 150 minutos”, precisou o edil.

A peza, baseada nunha obra de Víctor Hugo, está protagonizada por Rigoletto, o bufón xorobado da corte do ducado italiano de Mantua e a súa filla Gilda, á que esconde na súa casa, salvo para ir á igrexa a rezar. Nunha desas visitas ao templo santo, Gilda atópase co duque de Mantua, coñecido na corte por practicar unha vida de pracer con tantas mulleres como lle sexa posible.

As entradas estarán á venta esta semana na plataforma ataquilla.com, cun prezo de 18 euros para as localidades en platea, 15 no anfiteatro 1 e doce euros no anfiteatro 2. Haberá tamén venta no mesmo día do espectáculo, pero cun prezo lixeiramente superior.

“Esperemos que volva encherse o auditorio. Xente de toda A Mariña vén ver a ópera e convidamos a todos a asistir a este tipo de espectáculos, que non podemos desfrutar con demasiada frecuencia na nosa bisbarra”, concluíu Díaz.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here