Super-Arte ou Xacarandaina, atractivos da fin de semana na bisbarra

Rúa acolle unha esfollada do maíz e haberá espectáculos para nenos con Caxoto ou Fran Amil

Xacarandaina. AXM

Repasamos as actividades culturais e de ocio da última fin de semana de outubro na Mariña Lucense.  

BARREIROS

Dentro do programa Buxiganga da Deputación de Lugo, Ardora presentará o domingo -centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro, 18.00 horas- a obra ‘Amor filial‘.

BURELA

A actuación de Xacarandaina, o sábado desde as 20.00 horas, pechará o outono cultural do auditorio burelés. A formación coruñesa fará un repaso dos seus 40 anos de traxectoria. A entrada en billeteira é de dez euros.

Antes, este venres, os profesores do Ceip Virxe do Carme recrearán a obra teatral ‘O Mítin‘. O inicio está previsto para as 20.30 horas.

CERVO

Na tarde do venres, ás 19.00 na casa da cultura de San Cibrao, o contacontos Caxoto presentará o espectáculo ‘Un libro baixo a almofada‘, dirixido a nenos.

A parroquia de Rúa celebra a esfollada do maíz. Será o sábado, desde as 16.00 horas na antiga escola. Ás 20.00 haberá cea con callos e empanada feita con fariña de trigo da malla, a un prezo de dez euros para non socios. Montreal e Zafiro encargaranse da verbena a partir das 22.00 horas.

Presentación da esfollada do maíz de Rúa. AXM

As asociacións Fervenza de Sargadelos e Mariña Patrimonio programaron para o sábado un roteiro desde Trasbar á Senra para admirar o patrimonio paisaxístico e cultural no concello.

FOZ

Fran Amil (ex de Papaqueixos e Diplomáticos de Monte Alto, membro de Os Tres Trebóns e Ultraqäns) presentará na libraría Bahía o libro-disco ‘Monstros con ou sen consentimento‘. Será o sábado, desde as 12.00 horas.

LOURENZÁ

Novo sorteo da Federación de Comercio A Mariña (FCAM), desta volta en Lourenzá. Outra posibilidade para gañar 1.500 euros. Será o sábado, na Praza de Conde Santo, desde as 20.30 horas.

O VICEDO

Fin de semana de teatro no Vicedo. O sábado, desde as 20.00 horas, A Adala recreará a peza teatral ‘Elixir de xuventude‘.

O domingo, a partir das 19.30 horas, será a quenda de Obra Viva, que poñerá en escena ‘Piratas del Calibre‘.

VEGADEO

Vegadeo acolle o sábado unha concentración de coches clásicos e deportivos. Os automóbiles poderanse admirar de 9.30 a 13.30 no recinto feiral.

Cartel da concentración. AXM

VIVEIRO

Recta final de Super-Arte, a mostra de teatro de persoas con diversidade funcional.

Trala representación da Fundación Eu Son na mañá do venres, na tarde -20.30 horas, teatro Pastor Díaz– será a quenda de Pinchacarneiro Teatro, compañía da Fundación Anade lucense.

O sábado, á mesma hora e no mesmo escenario, haberá unha obra a cargo de Muxicas, grupo teatral da Once.

XOVE

Continúan as xornadas gastronómicas de Xove, logo do showcooking de Miguel Cobo.

Oito establecementos -Onde Sempre, O Refugio, A Fuga, Cabaliño do Mar, Cociña, A Roda, O Pepe e o centro cívico- ofrecerán este venres, desde as 20.00 horas, petiscos mariñeiros revisados polo finalista de Top Chef.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here