‘Ecos da galerna do 61’: superviventes contan nun documental a historia “do bonito máis caro”

Un dos mariñeiros que viviron a galerna, no documental. NORDÉS/PINANCHO AUDIOVISUAIS

Tiveches a vida por un pelo e agarrácheste a el“. “Veu unha tan grande que pensei: ‘alá nos marchamos’“. Son dúas das frases que se escoitan no documental ‘Ecos da galerna do 61‘, impulsado pola Asociación Nordés. A peza audiovisual conta a historia de tres dos sobrevivintes dun temporal costeiro, en xullo de 1961, que levou por diante 83 vidas de mariñeiros que participaban na costeira do bonito, e que deixou un enorme impacto socioeconómico en toda a cornixa Cantábrica, con vilas galegas especialmente afectadas, como Celeiro ou Espasante.

O documental, producido e gravado por Pinancho Audiovisuais, estrearase, en principio, no mes de xullo, á espera da situación sanitaria. Para o colectivo Nordés, que leva dez anos dinamizando a vida cultural na Serra da Faladora, entre Ortigueira e O Vicedo, con eventos como as charlas Alternativas no Rural ou as Xornadas Memoria dun Tempo, entre outras, a peza audiovisual naceu dunha necesidade de reiventar a súa actividade por mor da pandemia.

“Co coronavirus tivemos que parar de facer actividades físicas e presenciais. Daquela tiramos de videoconferencias”, explica Ricardo Bellas, da agrupación. “Como estabamos pechados, tiñamos a idea de impulsar unha especie de arquivo histórico con testemuños de xente, con entrevistas sobre a emigración, por exemplo”, prosegue. Dentro deste proxecto, a galerna do 1961 era un tema acaído. “Eu fun mariñeiro, andiven desde os 13 anos, e todos temos conexións co mundo do mar. Este suceso sempre foi un tema tráxico habitual nas conversas dos fogares, meu tío viviuno en primeira persoa. Pensamos que podía ser unha boa cousa homenaxear a quenes o padeceron e recoller as historias tan duras que viviron. Como moitos deles teñen máis de 80 anos, era o momento de facelo”, engade.

ALGÚNS SOBREVIVINTES NON QUIXERON PARTICIPAR: “FORON VIVENCIAS MOI DURAS”

Bellas indica que houbo persoas que non quixeron ofrecer o seu testemuño, o que considera comprensible. “As vivencias foron moi duras; tres días de pánico absoluto, loitando pola vida”, lembra. Tres mariñeiros -un do Barqueiro, outro do Vicedo e outro de San Román, neste último municipio- si accederon a contar a súa experiencia. “Había máis persoas, pero non queriamos meter moitas historias, sobrecargar con oito ou nove testemuños diferentes e que o documental fose moi longo; dura 45 minutos”, concreta Bellas.

Os participantes no documental eran á altura do 1961 rapaces “sen estudos, que non tiñan practicamente outra opción que ir ao mar. Relatáronos como saíron do porto, como se atoparon a galerna e tamén o tempo que durou o temporal, porque cada barco tivo unha experiencia diferente”, indica.

AS “ROSAS” DA GALERNA

O documental narra tamén así a historia do MarquésRamiro e A Gloria. “Barcos pequenos, vellos, non preparados para estes temporais. Hai que lembrar que as galernas veñen en verán e por iso saíron moitas millas fóra con tranquilidade. Eles non tiñan información, porque na maioría dos casos as radios eran só receptoras, non podían emitir mensaxes de socorro, e os partes meteorolóxicos non estaban permanentemente actualizados, coma hoxe”, salienta.

A Gloria foise a pique e os mariñeiros foron rescatados por Rose, un barco belga, e levados a Cherburgo. Os sobrevivintes fixéronlle aos seus salvadores unha ofrenda, o seu particular ‘Alalá de Muxía‘: “todos os homes recuperados do mar puxéronlle ás súas fillas Rosa, na honra de quenes os salvaron”, explica Bellas. As tripulacións fixeron mantos en honra á Virxe do Carme, e sobrevivintes botaron na igrexa tres días pechados, os mesmos que estiveron loitando co temporal.

83 MORTOS DE HONDARRIBIA A ESPASANTE

O Ramiro entrou en Xixón aos tres días, sen saber case nada dos demais barcos. A tripulación enterouse alá da gravidade dos feitos. Un mariñeiro contou como un barco chegou ao Barqueiro cando os daban a todos por afogados. Daquela correu a nova de que chegaba un buque medio roto pola ría e baixou toda a xente do pobo a arroupalos.

Entre eles, un neno de nove anos, o escritor Hixinio Puentes. O autor do libroA galerna do 1961‘ presta a súa voz narrativa e foi tamén o principal entrevistador no documental, dado o seu coñecemento sobre este suceso. Un acontecemento que “fixo que se me nubraran os ollos 40.000 veces, aínda hoxe”, remarca. Lembra gravado a lume “os berros das mulleres” que recibiron aos mariñeiros.

Puentes percorreu todo o Cantábrico para tentar sintetizar o impacto da galerna no seu libro. “Lin toda a prensa de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco: Alerta, Diario Montañés, El Comercio, La Nueva España, Gaceta del Norte, Correo Gallego, La Voz de Galicia… Na fotografía apoiáronme moito desde o Museo do Mar de San Cibrao e tamén desde Burela“, salienta.

Tamén estivo en Rennes, na Bretaña francesa. “Quería comprobar unha cousa; cando eu entrevistaba aos mariñeiros que viviron a galerna falaban de que se perderan moitos barcos. Naquela mar montañosa deixaban de verse uns a outros. Pero na prensa francesa non atopei nin un só afundimento dun boniteiro francés”, precisa.

O arquivo xudicial da zona marítima do Cantábrico foi outra das fontes fundamentais para a investigación. “Alí estaban arquivadas as causas dos pesqueiros que se afundiron. Así fun relacionando as embarcacións que había nas distintas filas do Cantábrico, desde Hondarribia ata Espasante. En Ferrol non se dedicaban ao bonito nin tampouco na Coruña ou Sada, e só algúns barcos de Cangas do Morrazo faenaban ao túnido, polo que a afectación foi de mariñaos, barcos de Ortegal, vascos, asturianos e cántabros”. Así contou o número de vítimas mortais, que ascendeu a 83.

EN BARCOS DE SEGUNDA MAN E SEN POSIBILIDADE DE TRANSMITIR MENSAXES DE SOCORRO

Puentes subliña que “galernas hai moitas, pero isto foi un ‘galernón’. De temporais coma este, así de potentes ou máis, só hai constancia documental de catro ou cinco. Hóuboos mesmo máis catastróficos, como a do Sábado de Gloria, en 1878, onde no País Vasco morreron preto de 500 homes. Daquela era cando as boniteiras eran simples traíñas, e de aí saíu unha norma para que as embarcacións levasen cubertas. Outro foi no 1912, no golfo de Biscaia, con máis dun centenar de mortes. Morreron quenes navegaban a vela, mentres quenes o facían a vapor sobreviviron”, sinala.

Á altura de 1961, os barcos boniteiros non estaban preparados para o que se lles aveciñaba. Na segunda marea da costeira, posto que a campaña comezara arredor do San Pedro e xa volveran de vender peixe, saíron máis millas do habitual e toparon cunha galerna descomunal. “Algúns patróns confiaban nos barcos, pero xa eran de segunda ou terceira man. Moitos dos buques eran vascos, porque no País Vasco xa estaban a conseguir esloras máis grandes. Estes podían ter 15 ou 16 metros, pero cun mar de aquel tipo non chegaban”, manifesta Puentes. A ausencia de útiles ou unha rede de salvamento facían que as embarcacións saísen en grupo, ou “en conserva”, para axudarse mutuamente. Pero tampouco serviu ante un cambio tan súbito do tempo: Meteogalicia estima que había forza 9, o que provocaba ondas superiores aos nove metros cargadas de escuma, o que dificultaba a visibilidade.

VIÚVAS E ORFOS, AS OUTRAS VÍTIMAS

Puentes considera que algúns patróns cometeron o erro de “atravesarse ao mar. Cun temporal deste tipo, os que tiñan máis experiencia na navegación a cabotaxe foron de popa; uns acabaron en Francia, outros en Xixón, outros en Santander… Onde o mar os levara. Pero os que quixeron entrar en porto, porque confiaban nos barcos, trabucáronse. Nun buque de Celeiro mesmo estivo a piques de producirse un motín, porque os mariñeiros discutíanlle ao patrón como había que navegar naquela situación”, apunta.

As vivencias dos mariñeiros estremecen. “Tiveches a vida por un pelo, e resulta que te agarraches a el”, describe un dos entrevistados. “Un mariñeiro cantáballe as ondas ao patrón cun chaleco salvavidas, amarrado ao barco, e levouno. Houbo homes que foron recuperados do mar co gancho de capturar os bonitos, coma se fosen peixes”, expón Puentes. “A miña muller dera a luz; eu só pensaba na cantidade de viúvas novas que ían quedar, e cantos nenos orfos”, sinala outro dos homes que contou a súa experiencia para o documental.

Neste sentido, Puentes resalta que se fala de “83 vítimas pero hai que incluír ás viúvas e aos pequenos, que padeceron moito. Tardábase en cobrar a indemnización, que era escasa e chegaba tarde. Algúns orfos tiveron a sorte relativa de ir estudar á Mariña, pero normalmente, cando morre un mariñeiro, os fillos teñen que facerse homes e axudar ás mulleres a defender á familia. Foron moitas vidas desfeitas”, lamenta.

A MAIORÍA DOS MARIÑEIROS VOLVEU AO MAR

Para algúns dos sobreviventes, as cicatrices da traxedia foron tales que decidiron non volver faenar. “Emigraron a Suíza, ou outros lugares. Pero non había moita alternativa. A maioría volveu ao mar“, conta Puentes, que preguntado sobre se o suceso provocou cambios na navegación afirma que “de forma inmediata, non atopei un cambio significativo. Normalmente, despois dun accidente, anótanse causas e motivos e avalíanse medidas. Isto quizais si puido derivar na intención de mellorar as canles de comunicación cos barcos, porque esta xente ao non poder enviar mensaxes ía vendida ao mar”, manifesta.

O bonito pagouse aquel ano a 15 pesetas o quilo. Houbo quen dixo que fora o máis caro da historia, porque custou vidas humanas. Dá para pensar en se valorabamos, daquela e hoxe, o prezo do peixe e de quen arrisca a vida para sacalo do mar e poñérnolo no prato.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here