InicioDeportes"Cando cheguei só pensaba en como adestrar, pero todo o que non...

“Cando cheguei só pensaba en como adestrar, pero todo o que non sexa a sanidade pasa a un segundo plano”

Co horizonte duns Xogos Olímpicos que están en entredito, o atleta viveirense Adrián Ben exercítase na casa nestes días de corentena

Publicada o

- Advertisement -

Todo un finalista mundial dos 800 metros lisos e con billete para os Xogos Olímpicos de Tokio 2020, cuxa celebración está en entredito, Adrián Ben Montenegro (Viveiro, 1998) tenta exercitarse como pode na súa cidade natal, á que chegou días antes de que estalase a crise sanitaria polo coronavirus. Admite que cando marchou para a vila viveirense só pensaba no seu futuro e nunha cita que se presume crucial na súa carreira, pero co paso dos días foi comprendendo a dimensión da emerxencia. “Todo o que non sexa a sanidade debe quedar a un lado”, remarca.

Cando viñeches para Viveiro?

Unha semana antes de que empezara todo. Tocábame descanso e incluso cheguei antes do previsto ao non ir ao Campionato de España de cros. Meus pais recomendáronme que viñese, porque prevían que isto se puxese feo, e fíxenlles caso. Xa me mentalizaron de que probablemente non podería volver a Madrid e aquí estou.

A corentena afectouche por partida dobre, porque ademais renunciaches ao campionato por lesión.

Máis que unha lesión, é unha contratura, aínda ando algo renqueante. A pena é que agora non me podo tratar, aínda sigo con ela. Realmente non podo facer nada, non é unha lesión pero pode complicarse. Estou tentando cunha pistola de masaxe facer marabillas, pero non son fisioterapeuta e está claro que o tratamento non é o mesmo.

 

IMAXINACIÓN PARA ADESTRAR

Que adestramento fas na casa?

Estes días fixen un pouco de bicicleta estática, flexións e abdominais, rutinas de ximnasio. Os primeiros, días subir e baixar escaleiras, aínda que iso foi só ao principio, porque despois xa non se deixou facer exercicio nas zonas comúns dos edificios. Agora conseguín unha cinta de xeito que xa poido facer máis cousas.

Fas como podes, pero a elíptica, a cinta, non é correr. Pódese semellar, pero non é o mesmo que correr. Xa non falando de táctica, de elixir os momentos de carreira, senón do puro adestramento. Hai xente que di que se fas un mes de elíptica que é practicamente o mesmo, que non perdes tanto. Pero estás perdendo algo seguro. Se lle dis a un piloto de Fórmula 1 que ten que botar dous meses nos simuladores, por moita experiencia que teña, cando se meta outra vez no coche non vai ser igual.

No diario Sport entrevistaban ao teu adestrador, Arturo MartínQue vos recomenda estes días?

O adestrador mándanos un plan e tentamos botarlle imaxinación para seguilo, porque aínda que se cancelen os Xogos é o meu traballo.

A DECISIÓN SOBRE AS OLIMPÍADAS, POSPOSTA

Este mesmo domingo o Comité Olímpico Internacional (COI) deuse un prazo dun mes para decidir sobre os Xogos. Imaxino que moi pendente da situación. Como estás a vivir esta incerteza?

É unha situación adversa, porque che din que tes que competir pero non podes adestrar, como se che tirasen dúas persoas cada unha dun brazo. Psicoloxicamente é complicado, porque por un lado escoitas un si pero por outro un non.

Nós imos vendo segundo nos di a Federación, que está en contacto con nós todos os días. Estanse a facer moitas reunións. A idea que parece que se quere transmitir estes días é que as Olimpiadas van para diante si ou si. O outro día, o Goberno de Xapón e o G7 reuníronse e dixeron que para diante. Así que non sabemos como vai ser. Nós temos as ordes de seguir adestrando e non somos nós quen toman as decisións. A verdade é que nos custa entender que non se vaian suspender os Xogos. Pero a situación alí está controlada, os xaponeses son persoas moi rectas, e creo que tamén se quere mandar unha mensaxe positiva, de ilusión e subidón moral cara a xente, como dicir que a pesar da crise do coronavirus segue a haber Xogos e séguense a facer cousas. Hai deportistas de elite que están a facer moita presión, pero non estou seguro de que se vaian suspender.

POLÉMICA

Houbo polémica arredor das declaracións dalgúns deportistas profesionais, que pediron que se lles deixase saír para adestrar en vista de que, en principio, é un ano de Xogos. Como a ves?

Se son sincero, ao principio só pensaba nunha solución para poder saír adestrar, pero isto é unha situación moi dura e vaste facendo consciente cada día de que todo o que non sexa a sanidade debera quedar a un lado, por todos os profesionais que se están a xogar a vida día tras día. Claro está que os nosos agora mesmo son problemas menores. Antes de ser atletas ou deportistas somos persoas. Vemos que hai xente na sanidade dando o 300% por salvar vidas, o outro día lin que morreu unha enfermeira en Biscaia e caeume a alma aos pés. O que ten facer todo o mundo é quedar na casa. Témonos que poñer todos no mesmo bando.

Que fas no tempo libre?

A miña vida é adestrar pola mañá, e pola tarde estudar ou ler. Por iso que o confinamento, quitando o traballo, tampouco me cambiou a rutina moito. Estou aproveitando para estar coa miña familia, que xa facía que non estaba tanto tempo seguido, e tamén para poñerme ao día coa Escola Oficial de Idiomas, en inglés, estannos a preparar actividades online. Xogando á consola… Hai que facer un pouco de todo para non aburrirse. Sigo con Fisioterapia, coa carreira, pero este ano non collín materias e aínda nos vai saír ben o tiro porque a ver como se recupera o curso.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...