Triunfo de prestixio do Burela FSF en Alcorcón (2-3) no inicio da Liga

Cris, Peque e Cilene anotaron os goles das da Mariña, que marcaron nada máis comezar o encontro para remontar en apenas un minuto, o 24, o 2-1 logrado polas vixentes subcampioas

Cilene protexe o balón ante a presión de Vane Sotelo e a mirada da súa compañeira Sandra Buzón. JORGE QUESADA

O Pescados Rubén Burela FSF comezou a defensa do título de Liga da Primeira División con vitoria (2-3), levando ademais os tres puntos dunha das pistas a priori máis complicadas da máxima categoría, a do Alcorcón, o vixente subcampión. Un equipo que conta con futbolistas de tanto nivel como a pivote galega Vane Sotelo ou a á Irene Samper, ambas internacionais con España.

Nun encontro no que as ‘guerreiras‘ vestiron de rosa para visibilizar a loita contra o cancro de mama, as da Mariña adiantáronse nada máis comezar cun tanto de Cris, que foi homenaxeada polo cadro local pola súa participación como enfermeira na primeira liña de loita contra o coronavirus.

As locais deron a réplica antes do cuarto de hora por medio de Nerea Moldes. No treito final do primeiro acto, Peque tivo varias ocasións e a porteira Sandra Buzón, unha das fichaxes do Pescados Rubén Burela FSF e que comezou o partido como titular, desbaratou un dobre penalti lanzado por Sotelo. Co empate chegou o descanso.

Á volta dos vestiarios, Sotelo non tardou en adiantar ao conxunto madrileño, castigando unha perda de balón das discípulas de Julio Delgado e máis Lucas. A reacción do conxunto burelao foi inmediata e contundente: no minuto 24, Peque aproveitou un rexeitamento tras disparo de Ale de Paz para equilibrar o marcador e segundos despois Cilene aproveitou un lanzamento de falta para poñer por diante no electrónico ás mariñás.

O Burela FSF non tivo puntería para aumentar o botín en ocasións desaproveitadas por Dany e Cilene, pero soubo conservar a renda tamén cando as locais optaron pola porteira-xogadora, Aída de Miguel, e o xogo de cinco, desde o minuto 36. Conseguiron así as ‘guerreiras’ un triunfo de prestixio para comezar a súa andaina nesta tempada 2020-2021.

FICHA TÉCNICA

AD Alcorcón FSF: Estela, Vane Sotelo, Irene Samper, Aída, Estela Cantero -cinco inicial-; Clau, Nere Moldes, Laura Oliva, Paula, Pepa e Ballesteros.

Pescados Rubén Burela FSF: Sandra Buzón, Cris, Peque, Cami, M. Cortés -cinco inicial-; Cilene, Jenny, Bea Mateos, Dany, Ale de Paz, Cilene, Lara Balseiro, Elena Aragón e Jozi.

Goles: 0-1, minuto 1, Cristina; 1-1, minuto 14, Nere Moldes; 2-1, minuto 21, Vane Sotelo; 2-2, minuto 24, Peque; 2-3, minuto 25, Cilene.

Árbitros: Cabezas Casquero // Sánchez Martín. Polo Alcorcón cartón amarelo a Piru (minuto 29) e polo Burela cartón amarelo a Jenny (minuto 33).

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here