Preacordo de Alcoa e obreiros a condición de que o Goberno garanta o emprego se non hai comprador

A multinacional comprométese a financiar con 20 millóns por fábrica o rearranque das cubas de electrolise

Traballadores de Alcoa, concentrados no exterior do edificio do SEPE. AXM

Alcoa e os representantes dos traballadores das fábricas de Avilés e A Coruña chegaron a un preacordo que deberá ratificar o Goberno central, para o que haberá unha reunión ao longo da mañá deste mércores.

A cambio da aceptación por parte dos sindicatos do Expediente de Regulación de Emprego (ERTE) presentado, a multinacional comprométese a financiar con vinte millóns por fábrica a mellora e posta en funcionamento das cubas de electrolise de atoparse comprador.

Así, segundo explica a comisión negociadora nun comunicado, “o Goberno central debe adquirir un compromiso que vemos fundamental en canto ao mantemento do 100% do emprego a 1 de xullo de 2019“.

O documento tamén aclara que os obreiros das plantas da Grela e San Balandrán deben ratificar o acordo en asemblea.

ALCOA TRASLADA A PRESIÓN AO EXECUTIVO

O acordo pon a pelota sobre o tellado do Executivo central, que verá cumprida a súa petición de contar con máis tempo para acadar unha solución.

Segundo o preacordo, o Goberno debería garantir un investidor antes do 30 de xuño ou adoptar o compromiso de nacionalizar as fábricas da Grela e San Balandrán, unha opción que o Executivo descartou sempre.

Segundo reiteraron os traballadores da multinacional do aluminio ao longo do conflito laboral, a concreción das medidas aprobadas para favorecer á industria electrointensiva no tocante ao consumo de enerxía será “imprescindible” para atopar investidores. 

CONCENTRACIÓNS EN MADRID

Mentres se sucedían as reunións, os traballadores protagonizaron concentracións ante o edificio da SEPE —onde se reúne a comisión negociadora— e tamén ante o Congreso dos Deputados no último día fixado para o período de consultas do expediente de regulación de emprego (ERE) presentado pola empresa o pasado 17 de outubro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here