InicioEconomíaO comité de Alcoa cita aos alcaldes da Mariña para abordar "a...

O comité de Alcoa cita aos alcaldes da Mariña para abordar “a grave situación” do aluminio

O delegado territorial da Xunta advirte ao Executivo en funcións de que "se non hai unha solución" ao prezo da enerxía "pode haber repercusións no emprego" da planta cervense

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa do complexo industrial de Alcoa en San Cibrao anunciou este xoves que citou o vindeiro mércores aos alcaldes de 15 municipios da Mariña Lucense para abordar “a gravidade da situación” da planta de aluminio, que no pasado verán parou 32 cubas de electrolise, cunha rebaixa na produción do 11%.

Os sindicatos agardan contar coa presenza de representantes dos gobernos locais de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Ourol, O Valadouro, Alfoz, Mondoñedo, Lourenzá, Trabada e A Pontenova. A xuntanza, que sería a segunda deste tipo nun prazo de sete meses, está programada para as 12.00 horas, nos locais do comité de empresa da planta de Cervo.

Os representantes dos traballadores aseguran que “sabemos a que conduce o camiño iniciado por Alcoa coa parada das 32 cubas, o que descoñecemos é canto vai tardar en dar o seguinte paso“. Neste sentido, citan textualmente as palabras do presidente da multinacional en España, Álvaro Dorado, quen segundo o comité asegurou que “non está previsto aplicar medidas adicionais antes da constitución do próximo Goberno central”, unha frase “que pouco ou nada nos tranquiliza”.

Así, os traballadores pedirán o “apoio instucional” dos gobernos locais da Mariña Lucense, así como “a súa colaboración” nas mobilizacións que convoque o comité de empresa en defensa da continuidade da fábrica sancibrense, “o motor económico e social da bisbarra”.

ESTE VENRES, NOVO CORTE DA N-642

Este venres, os traballadores cortarán por terceira semana consecutiva a N-642, a estrada que vertebra a comarca, á altura do cruzamento do Castelo, no desvío para planta. A concentración, co obxectivo de reclamar un abaratamento da enerxía eléctrica sen o que Alcoa ve “inviable” a planta de aluminio, será de 14.00 a 14.30 horas.

O Concello de Cervo informou de que pechará todos os servizos municipais, agás a escola infantil, ás 13.30 horas, para posibilitar que o persoal municipal que o desexe se sume á protesta.

BALSEIRO: O GOBERNO “ESTASE DURMINDO NOS LAUREIS”

Segundo informa EFE, o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, lamentou que o Goberno de España en funcións se estea “durmindo nos laureis” no que se refire á procura dunha “solución” para garantir os postos de traballo na fábrica de Alcoa en Cervo, e que pasa por conseguir un prezo competitivo para o fornezo eléctrico.

Balseiro recordou que o Goberno socialista nin sequera presentou “un borrador” do estatuto que regulará as condicións das empresas electrointensivas e aínda que houbo comprador -o fondo suízo Parter– para a planta de Alcoa na Coruña, o Executivo non precisa que esa factoría, “probablemente, nunca volverá producir aluminio“, o que deixa aos traballadores nunha situación “difícil”.

En canto ao futuro de Alcoa na Mariña Lucense, recordou que trala parada de cubas “calquera pode deducir” que “se non hai unha solución”, esa situación “pode repercutir no emprego“. Segundo Balseiro, “esa situación nunca se deu” na planta de San Cibrao, polo que os socialistas “non poden dicir que non pasa nada“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...