InicioEconomíaTemor en San Cibrao tras afirmar Alcoa que aluminio "é inviable" sen...

Temor en San Cibrao tras afirmar Alcoa que aluminio “é inviable” sen electricidade máis barata

O comité de empresa asegura que a fábrica de Cervo é "a gran prexudicada" polas condicións da subasta de interrumpibilidade, con menos bloques e máis baratos

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao expuxo este martes a súa “incredulidade” e o seu temor polas condicións nas que se celebrará, do 17 ao 21 de xuño, a subasta de interrumpibilidade, que segundo a multinacional fan “inviable” a planta de aluminio primario de Cervo, a única de España, se non se toman medidas para rebaixar o prezo da enerxía eléctrica.

Os traballadores remarcan que “é a primeira vez que Alcoa fala de que a planta é inviable”, despois de que no pasado mes de marzo fixese unha primeira ameaza, asegurando que vía a factoría “en risco” sen a aprobación dun estatuto do consumidor electrointensivo que aliviase os custos da luz.

Segundo indica o presidente do comité de empresa da fábrica sancibrense, Xosé Paleo (CIG), a factoría de aluminio de San Cibrao -cun gasto en electricidade que supón o 40% dos gastos de produción– “é a gran prexudicada” polas condicións de partida da poxa, con menos bloques a repartir e prezos de saída máis baixos, o que afecta principalmente ás empresas máis dependentes da enerxía eléctrica.

“O ano pasado xa houbo descontento polas condicións da subasta de interrumpibilidade e este ano son peores“, lamenta Paleo, que incide en que se repartirán entre 0 e 16 lotes de 40 MW, cun custo inicial de 125.000 euros.

Neste senso, Paleo pregúntase que ocorrerá “se a planta queda sen bloques” e responsabiliza ao Goberno central, “cunha política nefasta”, de que “esten en risco o futuro dos nosos empregos, da industria que representa o 32% do PIB da provincia de Lugo e que afecta a máis de 2.000 postos de traballo“.

PROMESAS INCUMPRIDAS

Os traballadores aseguran sentirse “enganados” polo Executivo, xa que non teñen coñecemento de avances na elaboración do estatuto da industria electrointensiva, nin tampouco da anunciada subida das compensacións por emisións de gases de efecto invernadoiro (CO2) de 91 a 200 millóns, ambas promesas “realizadas durante a campaña”, lembra Paleo.

O persoal de Alcoa San Cibrao non fala de peche nin de expedientes de regulación de emprego, dado que por agora a empresa non puxo en ningún momento medidas drásticas sobre a mesa, pero subliña que “o que pasou noutros sitios sabémolo todos” e que a situación “é moi preocupante”.

REUNIÓN CO MINISTERIO

Unha representación do comité de empresa acudirá este mércores a Madrid a unha reunión co Director Xeral de Industria na que lle trasladará a súa preocupación.

“Pediremos que desde o Goberno se dea unha solución urxente ao problema. Ademais aproveitaremos para entregarlle un informe detallando as necesidades en materia de investimentos e infraestruturas -especialmente sobre o porto e os depósitos de barros vermellos- do centro de San Cibrao”, indica Paleo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...