InicioEconomíaA Mariña, "solidaria e tenaz", enche a Praza Maior de Viveiro pola...

A Mariña, “solidaria e tenaz”, enche a Praza Maior de Viveiro pola continuidade de Alcoa

Miles de persoas reclamaron "un prezo xusto" da enerxía eléctrica que garanta a continuidade do aluminio na bisbarra

Publicada o

- Advertisement -

Miles de persoas respaldaron este domingo en Viveiro a manifestación convocada polos traballadores de Alcoa, nunha protesta que ateigou a Praza Maior viveirense para pedir “unha solución” para o prezo da electricidade. A luz supón o 40% dos custes de produción da planta de aluminio de San Cibrao, que a multinacional ve “inviable” sen enerxía máis barata.

A protesta partiu ao mediodía do Casino de Viveiro para continuar pola Avenida da Mariña e rematar nunha Praza Maior que durante minutos, desde a chegada dos primeiros manifestantes, seguiu a acoller participantes nun goteo de xente que durou varios minutos. A protesta reuniu a representantes de todas as cores políticas.

A alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, e o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo, ofreceron senllos discursos desde o balcón do consistorio vello.

Cabeza da manifestación. AXM

O ALUMINIO, O “MOTOR” DA BISBARRA NOS ÚLTIMOS 40 ANOS

Na súa intervención, Loureiro remarcou que o complexo industrial de San Cibrao “é desde hai 40 anos o motor económico da Mariña Lucense, representando seguridade para os traballadores pero tamén sendo un polo de crecemento e prosperidade para a nosa comarca. Queremos un futuro para Alcoa, que é como dicir que queremos un futuro para a bisbarra; agora e sempre”, asegurou.

A rexedora viveirense sinalou que o problema da ausencia dun marco enerxético para a industria electrointensiva “non é de agora” e afirmou que “ata agora foise tirando co único capital que temos, a unidade de todos”. Así, esixiu aos “poderes públicos” acadar “un prezo xusto da enerxía que garanta un futuro“, o que debe ser “unha prioridade” para o Goberno central que saia das eleccións xerais do vindeiro domingo. Ademais, resaltou, “queremos un plan de industrialización da nosa comarca, que haxa máis emprego na Mariña”.

Loureiro defendeu ao Executivo central en funcións, a quen o comité de empresa e a oposición reclamou medidas urxentes para abaratar a tarifa eléctrica, facendo fincapé en que Alcoa recibiu 25 millóns de euros en compensacións por emisións indirectas de dióxido de carbono e “39” en materia de interrompibilidade. “Pero non nos conformamos, porque sabemos que a solución é a aprobación do estatuto das electrointensivas”, concluíu a alcaldesa.

Pola súa banda, o presidente do comité, a un día do comezo das eleccións sindicais, remarcou que malia a aprobación da axuda á que Loureiro fixo referencia “non cambiou absolutamente nada. Achegámonos cada vez máis ao momento no que podemos ter un anuncio de peche da fábrica”, subliñou.

ESIXENCIA AOS PARTIDOS DUN “COMPROMISO”

Paleo instou en nome dos sindicatos a todos os partidos políticos a que “se comprometan, todos e cada un deles, a que sexa cal sexa o Goberno central que saia das eleccións do domingo, inmediatamente despois se aproben as medidas necesarias para darlle unha solución ao problema da enerxía, ferramentas que hai dentro da Unión Europea, que outros países como Francia e Alemaña están a aplicar”.

“Somos unha comarca unida, solidaria e tenaz, e imos solventar todos os problemas que se nos poñan diante”, salientou Paleo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...