Alcoa fai unha lectura “negativa” da subasta de interrompibilidade celebrada ao longo desta semana en Madrid, na que obtivo un total de cinco bloques de 40 MW (200 MW) para o complexo industrial de San Cibrao, un menos dos acadados o pasado mes de decembro na poxa para o primeiro semestre deste ano.
Daquela, a multinacional, á que o Goberno central concedera a posibilidade de concursar tamén polas fábricas de Avilés e A Coruña, en proceso de peche de non atoparen comprador antes do 30 de xuño, conseguira dez (400 MW) dos 21 bloques de 40 MW en xogo, que repartiu entre San Cibrao -seis paquetes- e as factorías coruñesa e avilesina -dous para cada unha-.
Segundo publicou daquela Cinco Días, Alcoa pugnou en decembro de 2018 por nove bloques para San Cibrao. Aínda que fontes da multinacional non desvelan a cantidade de paquetes aos que optou, a cifra puido ser similar nesta subasta, na que se ofertaron cinco produtos menos, un total de 16, en parte pola retirada do concurso das fábricas da Grela e San Balandrán.
Á redución do número de bloques engádese a caída dos prezos dos produtos. Se na subasta de decembro de 2018 o custo medio dos paquetes de 40 MW foi de 105.429 euros por MW e ano, na poxa pechada este mércores o promedio foi de 96.925 euros/MW e ano.
“MALAS” CONDICIÓNS DE PARTIDA
As condicións de partida poxa, con prezos de saída baixos -150.000 euros para os paquetes de 40 MW- e menos bloques, non beneficiaban ao complexo de San Cibrao, especialmente á fábrica de aluminio, altamente dependente da enerxía eléctrica -segundo a multinacional, a electricidade supón o 40% dos seus custos de produción-.
“Fomos á subasta polo maior número de bloques posible pero acadamos un menos ca na anterior poxa”, confirman fontes da empresa, que sinalan que dado o menor prezo do MW por ano “temos un valor significativamente inferior ao do concurso para o primeiro semestre deste ano”.
Daquela, segundo a información de Cinco Días, Alcoa obtivo un incentivo eléctrico de 21 millóns polos dez bloques acadados.
A CONTÍA DESTINADA CAEU NUN 40%
A interrompibilidade trátase dun sistema de subastas que permite que as empresas que máis electricidade consomen reciban unha retribución a cambio da súa dispoñibilidade para desconectarse da rede en casos de emerxencia para o subministro. Nesta poxa participaron 123 compañías.
Os 340 bloques de cinco MW vendéronse a un prezo medio de 75.307 euros/MW ano. Así, o importe destinado á interrumpibilidade caeu nos últimos anos.
Sumando os 101,15 millóns subastados para o primeiro semestre do ano, a contía no 2019 ascende a un total de 196,15 millóns, a cifra máis baixa desde o inicio do sistema de poxas, no 2013. No 2018 foi de 316 millóns, un 40% máis.
“O GOBERNO TEN QUE ATALLAR ESTA SITUACIÓN”
As mesmas fontes sinalan que Alcoa “analizará os resultados e o impacto nas operacións”. Segundo a multinacional, o resultado da poxa reforza a súa demanda de medidas para rebaixar o prezo da luz a fin de que a industria do aluminio primario, cuxa única fábrica española é a de San Cibrao, sexa “viable”.
“O Goberno central ten que atallar esta situación”, salienta a multinacional, que insiste en que a electricidade “custa un 50% máis” á fábrica de Cervo “cás doutros países competidores“.
“SEN NOVAS” DO ESTATUTO E AS COMPENSACIÓNS POR CO2
Alcoa lembra que “non hai novidades” sobre o estatuto do consumidor electrointensivo, comprometido polo Executivo socialista desde o pasado ano. O documento viría a satisfacer a reclamación por parte das empresas que consomen alta cantidade de electricidade de compensacións para aliviar a tarifa da luz.
Outra das demandas da multinacional é que se tramite o aumento da contía -de 91 a 200 millóns de euros- das compensacións polas emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro (CO2), un incremento tamén anunciado polo Ministerio de Industria. Segundo Alcoa, a actual cuantía “é claramente insuficiente para a industria electrointensiva”.
O COMITÉ: “O CUSTO DA ENERXÍA SERÁ MAIOR”
“O resultado da poxa de interrompibilidade foi peor que o anterior e a previsión do custo da enerxía para o segundo semestre do 2019 é peor que a do primeiro”, resume o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo (CIG).
O sindicalista afirma que ten “os motivos claros”. O comité atribúe “ao recorte do orzamento” destinado á interrompibilidade e á “dependencia” do sector do aluminio da electricidade, que “nos fai asistir á poxa en inferioridade de condicións“, explica.
“SOMOS QUEN MÁIS NECESITA PREMER O BOTÓN”
“Estaba claro que, con menos bloques, quen ía quedar sen un seriamos nós”, razoa Paleo. “Somos quen máis necesidade temos de premer o botón e non podemos tirar os prezos”, sinala.
Así, os traballadores reclaman a aprobación do estatuto do consumidor electrointensivo, que equipare o gasto en electricidade “ao de países como Francia ou Alemaña. O Goberno está a facer as cousas ao revés; se se retrasa o aprobar o documento, polo menos debería garantir unhas condicións da subasta da interrompibilidade mellores ou polo menos iguais”, expón Paleo.
Así, o presidente do comité de empresa teme “afogar na beira” e que a multinacional tome algunha medida contra o emprego antes de que se aprobe o estatuto. “É urxente e imprescindible, se o goberno quere garantir os traballos”, afirma, para lembrar ao Executivo que o documento debe recoller “as obrigas das empresas” no tocante aos investimentos e aos postos de traballo.
ELECCIÓNS SINDICAIS
Os traballadores do complexo industrial de San Cibrao están chamados a elixir o novo comité entre os días 14 e 18 de outubro.
A sección sindical de Comisións Obreiras (CC OO) decidiu abrir un período até agosto para que os afiliados e simpatizantes que desexen formar parte das listas electorais se inscriban. Poden facelo no local sindical, a través do teléfono da sección (extensión 1493) ou do correo electrónico ccoosanciprian@gmail.com.