A Mancomunidade pide mellorar o estatuto, que supón “un antes e un despois” segundo o Goberno

Os Concellos reclaman ao Executivo cambios no documento, criticado polos sindicatos, para que Alcoa teña "igualdade de condicións" na tarifa eléctrica respecto aos competidores

Planta de aluminio de Alcoa San Cibrao. WIKIPEDIA

EFE. A Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense aprobou por unanimidade unha moción presentada polo Partido Popular (PP) para reclamarlle ao Goberno de España a modificación do estatuto dos consumidores electrointensivos que acaba de presentar, para incorporar as propostas da Xunta de Galicia e dos propios traballadores de Alcoa, segundo informaron os populares.

O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, subliña que esta unión na mancomunidade que agrupa aos municipios mariñanos é “unha boa nova”, aínda que tamén espera que non se quede só nunha “mera declaración de intencións”.

Nese sentido, pide “aos representantes do PSdeG-PSOE e do BNG na agrupación de municipios que trasladen aos seus representantes en Madrid e no Executivo a necesidade de realizar estes cambios para “garantir o futuro da industria en San Cibrao“.

Salgueiro engade que “a proposta de estatuto para consumidores electrointensivos presentada polo Goberno non resolve os problemas da gran industria electrointensiva” e ata as medidas que contempla “ameazan co peche da planta de Alcoa na Mariña, o que sería “unha traxedia para toda a comarca e para a provincia de Lugo”.

De feito, o PP de Lugo asegura que “o prezo” da enerxía eléctrica que resulta “dese estatuto é ata superior ao que tiña Alcoa en anos anteriores”.

Por iso, esixe un “prezo estable e competitivo” que lle permita á multinacional traballar desde A Mariña “en igualdade de condicións” con empresas instaladas noutros “países de Europa, onde o prezo por megawatio é máis baixo”.

OS SINDICATOS VEN O DOCUMENTO INSUFICIENTE

O pasado martes, o comité de empresa de San Cibrao e os principais sindicatos (CC OO, UGT e CIG) ofreceron as súas valoracións do documento presentado polo Goberno, que contempla 262 millóns de euros para aliviar a factura da luz ás empresas altamente dependentes da electricidade. As centrais sindicais resaltaron que as medidas contempladas –fomento dos contratos bilaterais (PPA), compensacións por emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2), e 90 millóns en concepto de bonificacións dos pagos por renovables e custos de territorios extrapeninsulares-, non son suficientes para rebaixar a tarifa eléctrica a prezos similares aos de países da contorna europea.

Esta rebaixa é a que solicita Alcoa, que ameaza con pechar a planta de aluminio primario de San Cibrao, “inviable” segundo a multinacional co actual prezo da luz trala caída dos ingresos pola redución da cantidade destinada á subasta de interrompibilidade. Por agora, con todo, a empresa estadounidense non fixo unha valoración pública do documento, publicado a última hora do pasado martes.

O GOBERNO PRESUME DE ACADAR “FIABILIDADE” E “SEGURIDADE XURÍDICA”

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, subliñou este mércores que o estatuto do consumidor electrointensivo é “un antes e un despois na xestión responsable e de apoio á industria electrointensiva e en xeral”.

En declaracións aos xornalistas tras presidir a Comisión de Seguimiento do Xacobeo, Losada foi preguntado polas críticas que tachan a este estatuto de insuficiente, ante o que dixo que “insuficiente era cando non había estatuto”, nin marco estable, nin fondos, enumerou, porque agora “é a primeira vez na historia que haberá fiabilidade para empresas, traballadores e sindicatos”.

Losada lembrou que o documento conta co visto bo da Comisión Europea polo que ten “seguridade xurídica” e ademais contempla “todas aquelas recomendacións que fixeron os que operan no sector”, aínda que, por exemplo, non se inclúe a demanda de Alcoa de diferenciar entre empresas electrointensivas e hiperelectrointensivas, dado que a luz supón o 40% dos gastos de produción da planta de aluminio cervense.

O EXECUTIVO INSTA Á XUNTA A “AXUDAR”

“Témonos que felicitar”, destacou o delegado do Goberno, para quen sería “moi importante que as empresas investisen e favorecesen as novas tecnoloxías e fixesen o seu labor que é de corresponsabilidade, a igual que as Comunidades Autónomas“.

Na súa opinión, o departamento autonómico de Industria tería que explicar “que fondos e mecanismos van poñer para axudar nesta tarefa, que é facilitar que as empresas estean no seu mellor momento”, cunha “importante baixada de custos da enerxía con subvencións presupostadas reais con moitas decenas de millóns de euros por parte do Goberno de España”.

A INDUSTRIA ELECTROINTENSIVA PON O FOCO NO PREZO DA ELECTRICIDADE

O Goberno presentou o pasado luns aos axentes sociais o proxecto de real decreto do estatuto do consumidor electrointensivo, cuxo obxectivo é axudar ás empresas industriais cun alto custo na súa factura da electricidade para que poidan ser competitivas con respecto ás súas competidores europeos, que soportan uns prezos máis baixos. Segundo as estimacións do ministerio, as medidas do Estatuto terán uns 600 beneficiarios.

Os sindicatos CCOO, UGT e CIG reclamaron que o documento garanta o emprego nas empresas da industria electrointensiva que se beneficien das súas medidas.

O alto prezo da electricidade en España e a cada vez menor cantidade de fondos que chegan ás industrias electrointensivas a través das poxas de interrompibilidade é unha queixa das empresas electrointensivas. Alcoa vendeu ao fondo suízo Parter as plantas de Avilés e A Coruña, alegando para desprenderse das mesmas “a obsolescencia tecnolóxica”. Con todo, asegura que o custo da electricidade é o problema da fábrica de aluminio de San Cibrao, onde, segundo lembran os sindicatos, non realizou investimentos de importancia ao longo dos últimos anos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here