Incerteza sobre a situación de Alcoa pola paralización das actividades industriais

A multinacional alertou ao Goberno da necesidade de continuidade nas cubas de electrolise; o comité considera que parar as cubas o día 30 suporía "un dano irreversible"

Planta de aluminio de Alcoa San Cibrao. WIKIPEDIA

Alcoa e o comité de empresa do complexo industrial de San Cibrao mostraron este sábado a súa incerteza sobre o que pode ocorrer se se obriga a apagar as cubas de electrolise de Cervo despois de que o Goberno central decretase a paralización das “actividades non esenciais” desde o vindeiro día 30 ata o 9 de abril como medida de contención do coronavirus.

Consultadas ao respecto, fontes da multinacional aseguraron descoñecer se a medida anunciada este mesmo sábado na comparecencia do presidente do Executivo, Pedro Sánchez, fará unha excepción coa planta de aluminio primario, dado que un posible apagado abrupto das 480 cubas de electrolise podería danar a maquinaria.

As mesmas fontes da compañía estadounidense aseguran que si houbo conversas “co Goberno central e coa Xunta de Galicia” nas que a compañía alertou ás Administracións sobre “a singularidade da planta e dunha produción que require continuidade“, aínda que, precisaron, o Estado non comprometeu por agora unha excepción.

OS SINDICATOS REMARCAN QUE A PRODUCIÓN ESTÁ DETRÁS DE PRODUTOS DE “PRIMEIRA NECESIDADE”

O comité de Alcoa, pola súa banda, emitiu un comunicado de prensa no que expuxo que “é imposible realizar unha parada programada da produción para o luns 30 sen causar un dano irreparable e irreversible para as instalacións, xa que tecnicamente o sistema electrolítico é continuo e unha parada nestas condicións suporía un escenario que (os sindicatos) non contemplamos”.

“Somos provedores de aluminio primario ás fábrias de Amorebieta, Sabiñánigo e Alacante, que o transforman para o sector farmacéutico e alimentario, ambos de primeira necesidade. Desde o comité esiximos a continuidade da nosa produción”, indicou na nota o organismo de representación dos traballadores.

“O noso sector produtivo desenvólvese nunha zona de moi baixo índice de contaxios, nulo ata o momento dentro das nosas plantas, e nas que se tomaron medidas que exceden as estritamente establecidas polo Executivo”, remarca o comité, que espera “que estes feitos se teñan en conta” e apela “á responsabilidade e apoio de todos os traballadores, manter a calma e cumprir coas medidas establecidas, algo esencial nestes momentos”.

AS AUXILIARES, PENDENTES

A coordinadora dos sindicatos das empresas auxiliares de Alcoa mantense tamén á espera do que ocorre.  “Non sabemos nada ata que Alcoa aclare a súa situación, e con eso saber en que posición quedan as auxiliares. Arestora a incerteza é total e hai medo ao parón das series, que suporía a morte da planta”, expuxo o voceiro da plataforma, Quique Rocha.

O REAL DECRETO PUBLICARASE O VINDEIRO DOMINGO

O Xornal da Mariña tentou consultar fontes gubernamentais, pero por agora non se pronuncian sobre a exepción solicitada por Alcoa, instando a agardar pola publicación o vindeiro domingo do Real Decreto.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here