Feijóo reunirase este martes cos sindicatos de Alcoa

Villares insiste en reclamar ao Executivo "70 millóns"; o BNG solicita a comparecencia da ministra de Industria para explicar as medidas adoptadas e se valora a nacionalización da planta

Representantes dos sindicatos, na manifestación de Viveiro polo futuro de Alcoa. AXM

O presidente da Xunta de Galicia, o popular Alberto Núñez Feijóo, reunirase este martes de novo co comité de empresa de Alcoa para abordar a situación da planta de aluminio, onde a multinacional anunciou que pretende un despedimento colectivo que afectaría a 534 obreiros da factoría e a outros alomenos 400 de empresas auxiliares.

O encontro non será finalmente en San Cibrao, como se anunciou nun primeiro momento, senón que a entrevista será en Santiago de Compostela. Os sindicatos solicitaron este luns ás Administracións autonómica e estatal que “deixen de tirarse os trastos” e ofrezan unha solución á planta de aluminio. Alcoa anunciou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que podería presentar xa o vindeiro venres, dado que o xoves finaliza o período de consultas informal convocado pola compañía. Trátase así dunha semana decisiva para buscar unha saída á factoría.

VILLARES INSISTE EN RECLAMAR “70 MILLÓNS”

O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, emitiu un artigo de prensa no que segue a apuntar “ao Goberno central” na problemática de Alcoa. “É todo máis sinxelo do que algúns nos queren dar a ver”, asegurou, reclamando “70 millóns de euros anuais” que “viñan para A Mariña”, en alusión ás axudas recibidas en materia de interrompibilidade pola multinacional.

“Daba igual que gobernaran uns ou outros. Viñan uns 90 millóns anuais para a nosa comarca. Nestes dous últimos anos veñen só 20 millóns”, insistiu.

O rexedor cervense segue a identificar a Alcoa, perceptora destas axudas, coa comarca, malia que a multinacional apenas retornou o recibido en investimentos para asegurar a viabilidade a longo prazo da planta de San Cibrao. “Eses cartos non son da empresa, son de todos os mariñaos”, argumentou.

“Durante todos os anos da existencia da nosa empresa de aluminio na comarca necesitouse desa axuda estatal para minorar ese alto custo enerxético”, afirmou. “É só cuestión de querer, de que o Goberno central nos devolva eses cartos que nos quitou e que nolos volvan poñer nas nosas mans”, manifestou.

REGO VOLVERÁ A GALICIA PARA UN ACTO SOBRE ALCOA EN VIVEIRO

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, pediu este luns a comparecencia da ministra de Industria, Reyes Maroto, para explicar as medidas que está tomando o Goberno central “para eludir o peche” da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao ou “se está valorando a súa nacionalización para evitar o colapso socioeconómico de toda unha comarca”.

O deputado nacionalista xa presentara a semana pasada unha proposición non de lei para reclamar a intervención da planta da multinacional alumineira, “nacionalizando a planta e devolvéndoa ao ámbito público”.

“Tamén é necesario poñer en marcha solucións que dean estabilidade ao sector e ao conxunto da nosa industria, establecendo unha tarifa eléctrica galega que permita rebaixar considerablemente o custo da enerxía”, proseguiu Rego.

Para rematar, o parlamentario do BNG reclamou a activación dun estatuto do consumidor electrointensivo “que sexa realmente eficaz”, un compromiso “que o Goberno central aínda non cumpriu” e que “posibilitaría que factorías como Alcoa San Cibrao puidesen manter a súa actividade produtiva sen perdas económicas”.

Rego anunciou ademais que o vindeiro venres, 19 de xuño, volverá a Galicia para participar nun acto en Viveiro con motivo da situación que se vive na súa comarca natal, A Mariña.

Así o anunciou o parlamentario a través dun comunicado, no que destacou que será o seu primeiro acto “tras estar máis de tres meses confinado en Madrid por responsabilidade e coherencia” ante a situación de urxencia sanitaria.

Deste xeito, o representante do BNG no Congreso participará nun acto da man da cabeza de lista por Lugo ás eleccións autonómicas, Olalla Rodil, o número dous, Daniel Castro, e a portavoz do BNG en Viveiro, Miriam Bermúdez.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here